Unha nova xeneración recupera a Praza da Alameda de Verín cun espazo onde «enredar ideas». Chega o «Enredo»

Hai bares que simplemente abren e bares que nacen para darlle un xiro ao día a día dunha vila. O Enredo é destes últimos. Inaugúrase este xoves na Praza da Alameda e trae a ilusión dun rapaz de 24 anos, estudante de dereito, que quixo volver a casa para emprender na vila convidando aos seus veciños a «enredar».

Detrás da barra está Axel Aparicio, un verinés que decidiu pechar etapa en A Coruña para abrir outra máis persoal, máis comprometida e máis ligada á súa identidade. “Sei que hai xente que marcha, pero eu quería demostrar que tamén se pode facer algo aquí, onde está a miña xente, onde medrei”, conta. A súa aposta vai moito máis alá dun negocio: é un proxecto vital, unha maneira de contribuír ao dinamismo dunha vila que, pouco a pouco, volve crear espazos propios e alternativos. «Os bares son moito máis ca locais: son lugares onde a vida se xunta, onde se cociñan ideas, onde atoparse sen haber quedado. Para iso naceu O Enredo».

Inauguración este xoves, ás 20h

O primeiro enredo da tempada arrincará ás 20:00h, cun rato para enredar, compartir petiscos e participar nos sorteos, todo acompañado dun photocall e algunha sorpresa máis. Coa chegada da noite, a Discomobil Enjoy poralle ritmo á festa.

A carón do río e cunha terraza ampla, O Enredo ofrece un espazo cómodo para quedar, especialmente nos meses de verán. Pensado para grupos e encontros de

todo tipo, o local quere ser un punto de conexión entre xeracións, onde a xente nova e a de sempre atope un lugar para verse, falar e compartir.

Un lugar onde se enreden ideas

O Enredo non é só un bar, senón un espazo aberto á comunidade. O local quere ser un lugar onde se enreden ideas, onde os proxectos culturais, sociais e empresairias teñan cabida e onde diferentes axentes da vila poidan compartir, crear e impulsar propostas conxuntas. Se tes unha idea ou evento que che gustaría levar a cabo, O Enredo está aquí para acollelo e darlle espazo.

Axel representa a unha nova xeración que non espera que as oportunidades cheguen, senón que as crea. O seu proxecto nace cunha clara vocación de dinamizar a vila e a súa praza da Alameda. Porque o Enredo chega nun momento no que Verín comeza a bulir de novo. O tecido asociativo e pequenas empresas volven apostar pola innovación dende o local a través de proxectos culturais, deportivos e sociais. Neste contexto, o bar quere sumar, ofrecendo un espazo que non só sirva copas, senón tamén ideas. “Aquí queremos que pasen cousas. Que a xente veña a un concerto, pero tamén a conversar, a unha reunión con proveedores ou a unha presentación con clientes. É un sitio para moverse, para conectar e para facer”, explica Axel.

A programación cultural comezará nas vindeiras semanas, pero a festa de inauguración promete ser xa unha boa mostra do espírito da casa: alegría, música, comida e comunidade. E tamén ilusión. Moita. Porque cando alguén novo decide apostar pola súa vila, por construír no rural e por xerar lugar de encontro, o que se inaugura non é só un bar. É un verdadeiro enredo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios