A deputada de Cultura Iria Castro e o deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García asistiron este domingo a XVI Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, impulsada pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto.
Os responsables provinciais participaron no acto inaugural, con pregón do escritor, profesor e tradutor e Benigno Fernandez Salgado, e visitaron o espazo do ferro, con demostracións en vivo e postos de venda dos ferreiros riotortenses Manuel Alonso, Agustín Iglesias, José María Cabo, Óscar Villada e Amando González, ademais de artesáns do ferro do Corgo, Compostela,Culleredo ou Navarra e Alcalá de Henares.
Daniel García e Iria Castro valoraron “o traballo realizado pola Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto na organización da feira, que demostra o potencial que a tradición do ferro ten como motor para a dinamización económica, social e cultural do concello”
Estudo e documentación do patrimonio vinculado a tradición do ferro
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable, cunha achega nominativa de 14.000 euros, para funcionamento e actividades da entidade.
Neste marco, no último ano, a Asociación Para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto desenvolveu dúasinvestigacións, coordinadas por Xose M Salgado, que afondan no coñecemento e documentación da tradición do ferro en Riotorto. Unha delas centrada na recollida e catalogación de ferramentas e técnicas do oficio, permitiu reunir máis de 250 pezas, entre distintos tipos de ferramentas, xunto a documentos antigos e fotografías relacionados co ferro.
Os materiais foron descritos e identificados, atendendo á procendencia en cada caso concreto, ao ferreiro e a casa de procedencia, que polo xeral constitúe unha saga familiar, xa que en moitos casos o oficio provén de pais, avós e,ata onde a memoria permite chegar, bisavós.
O segundo traballo céntrose na recollida de noticias orais e documentación sobre un escoiral situado ao longo do cauce do Rego de Ferreiravella, ao que se atribúe unha extensión de máis dun quilómetro. Do xacemento leváronse ao altos fornos de Trubia (Asturias) e Euskadi miles de toneladas das escouras ricas en ferro. Diversos documentos acreditan que os propietarios do terreo percibían 25 pesetas por tonelada métrica.