O Alcalde de Lugo en Funcións anunciou que o goberno marcará como prioridade «a aprobación definitiva dos orzamentos como chave para reactivar proxectos clave para a cidade»
O Alcalde en Funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou hoxe en rolda de prensa que o pleno de investidura para elixir ao novo alcalde da cidade terá lugar o próximo martes, 11 de marzo. A sesión, que será convocada nas próximas horas, está prevista para as 12 da mañá, malia que por cuestións administrativas aínda non foi confirmada.
Arroxo destacou «a axilidade» coa que o PSdeG resolveu a situación tras o falecemento de Paula Alvarellos, «nun momento moi complicado conseguiron resolver esta situación en tempo récord», sinalou.
De cara ao novo período que comezará o martes, Arroxo destacou como prioridade principal «a aprobación definitiva dos orzamentos municipais, a ferramenta que nos permite garantir que o Concello siga funcionando ao longo do ano». Arroxo destacou as prioridades do goberno, «proxectos que estaban xa na parrilla de saída e que coa volta á normalidade retomaremos ata completalos». Algúns destes proxectos son a ordenanza de Terrazas, «a primeira normativa en Lugo que regulará estas instalacións, que está prácticamente pechada» e a organización do tráfico do casco histórico, unha vez se aproxima o final das obras, «o que fai necesario pechar os itinerarios de circulación definitivos».
Sobre a organización da Tenencia de Alcaldía, xestionada polas 5 concelleiras e concelleiros do BNG, Arroxo confirmou que se manterán as mesmas responsabilidades que ata agora, con Rubén Arroxo a cargo da área de Mobilidade e Infraestruturas, Maite Ferreiro en Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Alexandre Penas como concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Cristina López a cargo da área de Participación e Servizos á Veciñanza e Iria Buide á fronte da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento.
Rubén Arroxo destacou «a boa relación persoal» que mantivo con Miguel Fernández ao longo dos últimos. Arroxo destacou isto como algo «clave para garantir o bo funcionamento do goberno local», e afirmou que «máis aló dos cambios que haberá no goberno debido á reestructuración do grupo do PSdeG, imos manter unha política continuísta baseada no pacto asinado entre as dúas forzas que conformamos o goberno».