O PP de Lugo esixe ao Concello a retirada do lixo da contorna do aliviadoiro de saneamento de San Lázaro tras once días de que desbordara polas inundacións

O Partido Popular pide que se acometa de maneira urxente a limpeza dos restos acumulados xunto ao aliviadeiro situado na unión da Calzada de A Ponte coa Nacional VI. Tralas fortes choivas de hai once días, a zona segue sen limpar, acumulando toalliñas, compresas e outros materiais que desbordaron do aliviadeiro. Ademais, o firme da área quedou intransitable, afectando gravemente a mobilidade dos veciños.

Os populares consideran un insulto á intelixencia que o alcalde anuncie hoxe a análise dos puntos sensibles, cando leva dende 2015 con responsabilidades vinculadas á área de medio ambiente. «Non necesitamos máis análises, necesitamos accións concretas” sinalan os concelleiros do PP.

«Non estamos falando dun tema estético, senón dun problema de seguridade que afecta bens e persoas, e que debería ser unha prioridade para o goberno local», destacan.

Os populares lembran que o alcalde votou en contra de iniciativas presentadas polo PP para identificar e solucionar zonas de acumulación de augas en episodios de choivas intensas. Mentres tanto, a zona afectada en San Lázaro segue esquecida, a pesar do risco evidente, especialmente pola proximidade dun negocio de hostalaría que hai na zona.

Por último, o PP solicita que se arranxen os desperfectos no acceso pavimentado da zona, que permanece intransitable, agravando os problemas de mobilidade dos veciños. «A cidadanía merece respostas e actuacións reais, non promesas baleiras nin anuncios oportunistas», conclúen.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios