O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Senado unha batería de iniciativas para exixir ao Goberno do Estado información concreta e compromiso efectivo coa Galiza no desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias previstas no Corredor Atlántico. A senadora nacionalista, Carme da Silva,denuncia a exclusión da Galiza no balance de 1.002 millóns de euros licitados no primeiro trimestre de 2025, anunciado recentemente polo Secretario de Estado de Transportes.
A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala que “é inaceptábel que, mentres o Goberno presume de avanzar no Corredor Atlántico, non haxa nin unha soa actuación ferroviaria na Galiza entre as destacadas nos primeiros meses do ano”, a pesar de que o Plan Director do Corredor contempla un investimento total de 4.561 millóns de euros no país até 2030.
Da Silva exixe ao Executivo estatal que detalle cales son as obras finalizadas, en execución, proxecto ou planificación no ámbito galego, así como os prazos reais de execución e licitación. “Non imos permitir máis anuncios baleiros nin fotos sen orzamento. Queremos saber que parte dos 1.002 millóns foron para a Galiza e que investimentos reais van licitarse neste ano 2025” engade.
A parlamentaria nacionalista lembrou que a creación dun grupo de traballo específico para a Galiza no marco do Corredor Atlántico, anunciada en xaneiro, “non pode quedar en papel mollado”. Segundo o propio Comisionado do Corredor, a metade das actuacións galegas están xa en execución ou finalizadas, mais non se ofreceu información pública detallada sobre elas.
Entre as infraestruturas prioritarias que o BNG demanda impulsar destacan a conexión ferroviaria co Porto Exterior da Coruña, a mellora da liña Vigo-Guixar-Covas, a saída sur de Vigo (cos tramos Vigo – Porriño e Guillarei-Tui), a conexión Santiago-Ourense-A Gudiña, así como a remodelación das estacións intermodais de A Coruña, Ourense, Lugo, Vigo e Santiago.
A senadora nacionalista puxo especial énfase na situación da saída sur de Vigo, sobre a que reclama a presentación urxente do Estudo Informativo e un calendario concreto de execución: “A saída sur é unha infraestrutura chave para a conexión ferroviaria do sur de Galiza con Portugal e co conxunto do Corredor Atlántico. Xa non valen máis escusas” esgrime da Silva.
O BNG reclama unha planificación clara e un compromiso firme co desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias na Galiza como peza fundamental para o impulso do transporte de mercadorías e a dinamización económica e industrial do país. “O Corredor Atlántico non pode ser só para Castela e León e Asturias. Ou hai investimentos reais naGaliza ou o Goberno estará condenando a nosa economía a un novo agravio histórico” finda Carme da Silva.