Lugo Rural Importa reclama ó Concello e a Xunta que abran sen máis retrasos o aparcadoiro da avenida Breogán

A federación de asociacións de veciños “Lugo Rural Importa” reclama do Concello de Lugo e da Xunta de Galicia que alcancen, sen máis demoras, un acordo para a apertura ao público do aparcadoiro construído pola administración autonómica na confluencia da avenida de Breogán coa rúa Orquídea. Este colectivo sinala que os veciños están fartos de que, neste, como noutros asuntos tan habituais nesta cidade, as diferencias entre administracións públicas de diferente color político retrasen a creación e posta en uso de servizos e infraestruturas necesarias para mellorar a calidade de vida dos lucenses.

Neste caso, segundo as informacións recollidas por distintos medios, hai, ao parecer, dous puntos fundamentais de discrepancia entre as administracións autonómica e municipal. Por un lado, as inundacións que se producen no entorno do aparcadoiro que todo indica que son debidas á falta de infraestruturas necesarias para dar saída á auga dun regato, circunstancia que xa se advertira por parte dos técnicos da Xunta a finais do ano 2023, e que dende o Concello non trataron de dar unha resposta axeita á canalización do mesmo o que provoca as inundacións e problemas no firme da Rúa Monte Pena Rubia. O concello, segundo indican algúns medios de comunicación, di que a construción do aparcadoiro provoca as inundacións, e a Xunta alega que o Concello non fixo o necesario para evitalas. Outro dos puntos de discrepancia veu sendo a determinación de que administración se fará cargo das obras precisas; neste sentido o delegado territorial da Xunta en Lugo xa fixo unhas declaracións que pese a que a obra lle correspondía ó Concello a Xunta de Galicia asumiría a execución e custos da mesma, procedendo a solicitar a autorización precisa ó Concello de Lugo, sen que ata a data esa autorización fose resolta por parte do Concello de Lugo, outra mostra máis da falta de dilixencia á hora de resolver expedientes que afectan o interese xeral dos lucenses.

Para a federación veciñal Lugo Rural Importa o relevante non é quen ten a responsabilidade do problema, senón que o importante é que as administracións que pagan os lucenses cos seus impostos traballen de acordo para solventar os problemas. Por iso, dende esta federación veciñal insta ao delegado en Lugo da Xunta, Javier Arias, e ao alcalde, Miguel Fernández (PSOE), a deixar de lado as diferencias políticas e resolver os problemas de modo que o aparcadoiro preste servizo aos lucenses e aos visitantes.

Hai que lembrar que o Consello da Xunta aprobou en marzo do 2023 o proxecto de construción do aparcadoiro (5.700 metros cadrados), orzamentado en 1,2 millóns. A día de hoxe tras rematar as obras no mes de setembro do ano pasado, o aparcadoiro segue pechado ao público, algo que Lugo Rural Importa considera de todo inadmisible

Abonda xa de remendos e promesas: Lugo necesita infraestruturas axeitadas que melloren a vida dos veciños.

Comparte éste artículo
No hay comentarios