O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol acolleu onte, xoves 24 de abril, a X Xornada Mulleres na Ciencia “Facendo Balance: Retos e Incertezas” que organiza a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL). O acto de apertura do evento estivo presidido pola subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX) da Universidade da Coruña (UDC), María José Abad, e máis pola expresidenta de AMIT-GAL e profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, María Carreiro.
O programa da xornada incluíu a conferencia da exvicepresidenta de AMIT-GAL e profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo), Soledad Torres, titulada “Como incorporar a dimensión de xénero na investigación”. Acto seguido, tivo lugar unha mesa redonda na que se falou sobre os retos aos que se enfronta o eido da investigación desde unha perspectiva de xénero.
Neste coloquio, participaron a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da Unversidade de Santiago de Compostela (USC), Sonia Rodríguez; a subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña (UDC), María José Abad; a subdirectora do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC, María Isabel González; e a responsable da Comisión de Igualdade no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciónes Científicas (CSIC), Andrea Rodríguez. Exerceu como moderadora, a graduada en Enxeñaría Naval e Oceánica pola UDC e embaixadora de CT Engineering Group, Laura Alonso.
Nova Xunta Directiva
Ao remate do evento, tivo lugar a Asemblea Anual de AMIT-GAL na que resultou elixida como nova presidenta da asociación a investigadora do centro Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do Consejo Superior de InvestigaciónesCientíficas (CSIC), Carmen Martínez. Acompañarana, nesta nova etapa, Vanesa Valdiglesias (UDC), como vicepresidenta, Eva López (USC) como secretaria, Cintia Sánchez (Incipit – CSIC), como tesoureira, así como SoledadTorres (UVigo), Lucía Santiago (UDC) e Zulema Varela (USC), en calidade devogais.