CCOO Lugo esixe a cobertura urxente dunha vacante de educadora na escola infantil municipal Gregorio Sanz e denuncia o retorno dunha traballadora conflitiva

As educadoras da Escola Infantil Gregorio Sanz queremos denunciar publicamente unha situación insostible que se prolonga dende hai meses: a falta de cobertura dunha vacante clave no centro, cuxa ausencia está a provocar unha sobrecarga inasumible de traballo e afectando gravemente á nosa saúde física e emocional.
A esta situación súmase un feito aínda máis grave: a reincorporación dunha traballadora que previamente denunciou a todas as compañeiras, xerando un clima de tensión, desconfianza e inseguridade laboral que fai imposible desenvolver a nosa labor educativa coa serenidade e o respecto que os nosos nenos e nenas merecen.

Dende o inicio do curso, a falta de resposta por parte das administracións responsables, concretamente o BNG e o PSOE, evidencia unha deixadez absoluta de funcións. Ambas formacións, que comparten a responsabilidade na xestión deste servizo público, amosaron unha alarmante falta de sensibilidade e compromiso co benestar das traballadoras e, por extensión, co dos nenos e nenas usuarios do centro. Esta actitude de abandono institucional pon en grave risco a calidade da atención educativa que reciben os máis pequenos, vulnerando o seu dereito fundamental a ser coidados e educados en condicións dignas e seguras.

Sentímonos, unha vez máis, completamente abandonadas, desprotexidas e ninguneadas por uns responsables políticos que ignoran deliberadamente as nosas reiteradas peticións de solución. Non se pode seguir apelando ao «interese do menor» mentres se despreza a saúde mental e física das educadoras que, día a día, coidamos e educamos con profesionalidade e vocación.

Esiximos:
– A cobertura inmediata da vacante existente, lembrando que, por orde de chamamento, esta praza non lle corresponde á persoa que xerou conflito.

– Unha solución urxente á reincorporación dunha traballadora que mantén aberto un expediente disciplinario e cuxa presenza está a sementar un ambiente insostible no equipo.
Non imos seguir caladas mentres deterioran as nosas condicións laborais e se vulneran os nosos dereitos a traballar nun entorno san, seguro e respectuoso.
Basta xa de mirar para outro lado. A responsabilidade ten nomes e apelidos: BNG e PSOE

A saúde das educadoras é a saúde dos nenos e nenas. E agora mesmo ambos están sendo ignorados 

Comparte éste artículo
No hay comentarios