Unha canastra tripla nos últimos segundos acaba coas esperanzas betanceiras.
Un punto. Velaquí a clave do partido e de toda unha temporada. Buscaba a permanencia deportiva en Tercera FEB o Santo Domingo Betanzos e, nunha tarde de emocións cambiantes, o equipo betanceiro, que foi gañando durante boa parte do partido en Ourense, quedou coa mel nos beizos.
O resultado final (70-69) xa anticipa como foi o encontro. Nervios, tensión, ataques trabados… Primeiro cuarto parco en anotación (10-11) e segundo para o Bosco (22-16). Arreaban os de Doc tras o descanso, conscientes do que se xogaban (15-27) e o último cuarto arrincaba cun 47-53 que, polo ritmo do partido, parecía anticipar, de xestionáronse ben as cousas, un bo punto de partida para levar o partido. E así foi durante case todo o cuarto. Os últimos dous minutos foron unha auténtica agonía para os de Betanzos. Cinco arriba a falta de 2.30 grazas a Luís Portilla, catro arriba ao fallar Prieto Loriente un dos dous tiros libres para os locais cando restaba un minuto corenta e cinco, dous arriba cando o senegalés Konte, ao cabo o executor do Santo, reducía diferenzas a falta de pouco máis dun minuto, tres arriba cando Dani Martín aproveita un dos dous tiros libres concedidos ao minuto… Porén, xa se apuntou, o exterior de Bosco, levou o equipo ao lombo e, tras pór o 67-69 logo de meter dende o 4.80 un dos tiros concedidos tras falta, aproveitou os rebotes tras as triplas intentadas por Pepe Moreno e Dani Martín, e na última posesión conseguiu tres puntos que os de Doc, sen tempo material, non puideron contrarrestar.Así valoraba o encontro o adestrador dos de Betanzos: “Comezamos o partido moi fríos e seguindo o ritmo deles, non sei se pola tensión, logo na segunda logramos activarnos -o terceiro cuarto foi moi bo- pero no treito final non tomamos as mellores decisións. Se chegan a fallar o último tiro liberado levabamos o partido, pero así son este tipo de encontros a cara ou cruz. Con todo, debo valorar este equipo, 100% amateur, que logrou competir deica o final contra equipos profesionais ou semi profesionais e que conseguiu dar protagonismo a xogadores como Latas, Brezo, Sanjurjo ou Ernest, e que, sumado ao equilibrio que dan os veteranos, Pepe, Dani, Abe, Marcos e Luís, conseguiu competir ata o último segundo. Quedo con isto”.
La Goleta comeza con bo pé a fase de ascenso a Segunda e os infantís logran o paso á F4 galega.
Porén, non todo son malas noticias para o club betanceiro. Se os sénior de La Goleta conseguían a primeira vitoria na fase de ascenso a Segunda División por 48-54 a Adfro, os infantís de Primeira División de J. Caamaño Arquitecto lograban o pase á fase final de Galicia tras gañar por 60-70 a Balidea Galogrín en Teo. A F4, en pista por determinar, contará como rivais a Novobasket Vigo, Obradoiro e Básquet Coruña.