Rego reclama a Transportes “conexión ferroviaria e estación intermodal” para o CLT de Culleredo

Ante a inacción de Estado e Xunta, o BNG defende converter Culleredo nun nó ferroviario estratéxico para a Galiza e potenciar a loxística galega.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Ministerio de Transportes realizar os estudos técnicos e económicos necesarios para avaliar a viabilidade de estender o camiño de ferro desde o porto de Lagostreiras até o Centro Loxístico de Transportes (CLT) de Culleredo, así como a construción dunhaverdadeira estación intermodal.

Rego estivo acompañado por representantes do BNG a nivel municipal -os concelleiros Tono Chouciño (Enrique Antón Chouciño Garrido), Laura Raposo Vigo e Beatriz Pérez Mosquera-, así como polo Presidente da Asociación de Empresarios do Centro Loxístico de Culleredo, José María Cabanelas Gómez, e outros membros da directiva e da asociación.

“O CLT de Culleredo foi concibido para ser un nodo fundamental da loxística na área metropolitana da Coruña, pero carece das conexións de transporte necesarias para cumprir ese papel. A conexión ferroviaria directa co porto de Lagostreirase a creación dunha estación intermodal permitirían integrar plenamente este centro nas redes de transporte estatal e europeo, converténdoo nun motor de desenvolvemento económico para toda a comarca” explica o deputado nacionalista.

Unha infraestrutura estratéxica pendente

O BNG lembra que a infraestrutura de Ledoño leva anos infrautilizada e reclama que se actúe de forma decidida para convertela no que foi pensado: un polo loxístico estratéxico para a Galiza. Para iso, considera esencial apostar polo ferrocarril como vía de comunicación de mercadorías, favorecendo a intermodalidade e reducindo a dependencia do transporte por estrada.

«Non se pode entender un centro loxístico moderno sen unha conexión ferroviaria eficiente. Queremos que Ledoño se converta nun verdadeiro ‘hub de distribución de mercadorías, favorecendo o transporte combinado, reducindo custos para as empresas e facendo a nosa economía máis competitiva» sinala Rego.

O deputado do BNG incide tamén na dimensión ambiental da proposta: «Nun contexto no que cómpre avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sustentábel, o transporte ferroviario xoga un papel chave. Apostar polo ferrocarril para o transporte de mercadorías significa tamén apostar pola redución de emisións contaminantes e pola diminución do tráfico pesado nas estradas.»

Demandas históricas e esquecemento institucional

Rego lamenta que tanto o Goberno do Estado como a Xunta de Galiza leven anos ignorando as necesidades da comarca en materia de infraestruturas loxísticas. «A falta dunha política decidida en materia de transporte está a frear o potencial económico dunha das principais áreas industriais e comerciais do País” denuncia.

«A nosa proposta é razoábel, necesaria e perfectamente asumíbel. Exiximos, por tanto,que se realicen xa os estudos de viabilidade para que, dunha vez por todas, se dean os pasos concretos para dotar o CLT de Culleredo dunha conexión ferroviaria eficiente e dunha estación intermodal moderna» reivindica Rego.

“O noso País non pode seguir soportando ser tratado como unha periferia irrelevante. O BNG estará sempre defendendo os intereses da Galiza, tamén na modernización das nosas infraestruturas» conclúe.

Comparte éste artículo
No hay comentarios