Baixo o lema “Un mar con ciencia”, Mar de Mares convida tanto aos seus fieis seguidores durante o últimos once anos como a novos públicos de todas as idades a mergullarse de maneira activa en encontros con científicos, expresións artísticas, propostas culturais, activismo ou gastronomía.
O Festival Mar de Mares volve un ano máis á cidade da Coruña para celebrar a súa duodécima edición, que presenta un potente programa que contará coa presenza de novas caras e novidades nas súas actividades. Coincidindo coa celebración do mes dos océanos, Mar de Mares dará o pistoletazo de saída o vindeiro 6 de xuño a esta nova edición que celebrarase entre os días 6 e 15 de xuño e que terá a ciencia e o compromiso medioambiental como protagonistas.
A historia da humanidade está estreitamente ligada ao océano, o maior ecosistema do noso planeta que ademais é unha das grandes fontes de enerxía, xerador de osíxeno, alimento e medicina, forxador de culturas, fonte de inspiración de artistas e lugar de lecer para todos. Baixo o lema “Un mar con ciencia”, o Festival Mar de Mares celebra por duodécimo ano consecutivo un lugar de encontro de científicos, expertos oceanográficos, artistas, emprendedores, cociñeiros mariños e activistas que contaxiarán a todos os asistentes o seu entusiasmo e compromiso por e co mar. Un programa que contará con novas propostas pero sen perder de vista os seus clásicos.
Máis de trinta actividades para gozar do mar de mil maneiras, a bordo dun barco ou en terra; observando a súa paisaxe ou participando na súa limpeza, degustando exquisitos bocados ou bailando ao son de cantos mariñeiros, debatendo sobre o futuro dos océanos ou descubrindo o pasado da nosa cidade. Nesta edición, o Mercado Mar de Mares volverá ao icónico Mercado de San Agustín, no que gozaremos de diferentes formatos de actividades como concertos, obradoiros para nenos e nenas, faladoiros, showcookings, degustacións e moito máis. Como non podía ser doutra maneira, este ano tamén repetiremos unha das actividades estrela do Festival, a VI Gran Limpeza de Fondos Mariños, que volverá reunir a decenas de mergulladores e voluntarios no litoral da cidade. Celebraremos tamén o III Foro Azul Mar de Mares, unha xornada para descubrir tódalas opcións de futuro da economía mariña. Todo iso no mellor escenario posible, A Coruña, cuxa estreita relación co Océano merece atención especial na programación de Mar de Mares.