O BNG de Dumbría pide que a Deputación licite de novo as obras da estrada de Buxantes

O voceiro municipal dos nacionalistas, Xaime Trillo, rogou en Pleno ao goberno local de Dumbría que solicite ao ente provincial que inicie a nova contratacióndunha actuación que non foi rematada logo de resolverse o contrato coa empresa adxudicataria.

O BNG de Dumbría vén de solicitar que a Deputación da Coruña licite de novo a mellora da vía DP-2302, que une Hospital con Brens, e que é coñecida como estrada de Buxantes. Os nacionalistas explicaron que as obras iniciadas en 2021 en dita estrada sufriron unha serie de inconvenientese non foron rematadas, logo de que o ente provincial resolvese o contrato coa empresa adxudicataria.

O voceiro municipal do BNG, Xaime Trillo, rogou ao gobernolocal no Pleno da Corporación dumbriesa, celebrado este mércores 30 de abril, que se dirixa á Deputación para que proceda cunha nova licitación, e lembrou que desde o comezo houbo varios problemas que tiveron que ver co retraso tanto de Telefónica como de Fenosa a respecto da variación de varios trazados do tendido. 

O BNG sinalou que a acta de inicio de obra asinouse o 31 de marzo de 2021, e en setembro dese mesmo ano a empresa pediu unha prórroga por causas alleas ao seu traballo, que foi concedida pola Deputación por un período de tres meses. Transcorrido ese prazo, a adxudicataria volveu a solicitaroutra prórroga porque seguían pendentes do traslado dos tendidos, mais esta nova solicitude foi rexeitada polas autoridades provinciais, que consideraron que había unha tardanza dos traballos por parte da empresa e que era posiblefacer as obras, ademais de verificar que non existía un xefe de obra.

En outubro de 2022 a Deputación, logo das queixas recibidas por parte da veciñanza e do propio Concello, requeriu á empresa que reiniciase os traballos, impóndolle penalidades polo incumprimento. A compañía presentou recurso pero non se aceptou. 

En xaneiro de 2023, un informe dos servizos técnicos da Deputación indicou que quedaba máis da metade da obra sen executar e que, tendo en conta os prazos, había que resolver o contrato. Cuestión que foi notificada á empresa en xuño dese ano. O asunto chegou á xustiza, que se pronunciou a favor da Deputación a finais de 2024, polo que xa non existe ningunha traba legal para que se licite unha nova adxudicación.

Mocións do BNG no pleno

Por outra banda, o grupo municipal do BNG lamentou que fosen rexeitadas dúas mocións que presentou no pleno ordinario celebrado este mércores 30 de abril, cos votos en contra de PSOE e PP. 

A primeira instaba á Corporación a reafirmarse na defensa da lingua galega, así como a adherirse á plataforma “Queremos Galego!” e a apoiar os actos e mobilización que esta entidade ten convocados para o vindeiro 17 de maio. E a segunda pedía ao goberno local que cedese ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) parcelas municipais de solo urbano ou urbanizable, e edificios para ser rehabilitados, para que o IGVS constrúa vivendas de promoción pública.

Ademais, o voceiro nacionalista, Xaime Trillo, preguntou ao alcalde se o Concello ten elaborado un censo sobre edificiosde titularidade pública en estado de abandono ou en desuso.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios