Néstor Rego leva á Comisión de Industria unha iniciativa a debate e votación para que o proxecto non reciba ningún tipo de axuda pública. “É unha industria contaminante contraria á transición ecolóxica”.
O Bloque Nacionalista Galego levará a debate e votación no Congreso unha iniciativa para instar o Goberno do Estado a revisar con rigor o proxecto da empresa ALTRI para a instalación dunha planta de celulosa líquida e fibras téxtiles en Palas de Rei (Lugo) e rexeitar a súa inclusión en programas de financiamento público como os PIICE ou calquera outra axuda directa ou crédito.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, subliña que «o proxecto de ALTRI representa unha auténtica bomba ambiental que ameaza gravemente as comarcas da Ulloa, Terras de Melide, o Ulla e o Sar, así como a riqueza marisqueira e pesqueira da Ría de Arousa». Rego advirte que «non estamos ante unha biofábrica de fibras téxtiles, senón diante dunha macrocelulosa que multiplica por tres o tamaño da planta de ENCE en Pontevedra e que pretende instalarse nunha zona de altísima sensibilidade ambiental».
A través desta iniciativa, o BNG reclama que se teñan en conta as numerosas alegacións presentadas durante o proceso de información pública por colectivos sociais, ecoloxistas, entidades locais e sectores produtivos. «É fundamental que se respecte a vontade da sociedade galega, que rexeita este proxecto polas súas nefastas consecuencias ambientais, económicas e sociais» sinala Rego.
O nacionalista lembra que a empresa promotora, Altri, reclamou 250 millóns de euros de fondos públicos para financiar parte dun investimento total previsto de 900 millóns de euros, condicionando mesmo a continuidade do proxecto á obtención deses recursos. «Sería totalmente incoherente que se destinasen fondos europeos, que teñen como obxectivo a promoción da sustentabilidade e a transición ecolóxica, a financiar unha industria altamente contaminante» denuncia Rego.
O deputado destaca que o proxecto xa quedou fóra da última convocatoria do PERTE de descarbonización por non cumprir cos parámetros mínimos de avaliación. «Este feito confirma o que vimos denunciando: a macroplanta de ALTRI non se axusta aos criterios de sustentabilidade ambiental fixados para a recepción de fondos públicos, nin garante un uso responsable dos recursos naturais nin protexe a biodiversidade» insiste.
A proposta do BNG insta o Goberno a “aplicar o mesmo criterio no resto de convocatorias de financiamento e impedir que ALTRI acceda a fondos públicos”, apostando, en cambio, por apoiar actividades sustentábeis que preserven o medio ambiente e o tecido produtivo tradicional galego, como a agricultura, a gandaría e o marisqueo.
Finalmente, Néstor Rego critica a actitude do Goberno galego, que «está actuando como representante dos intereses privados da empresa, esquecendo a defensa do medio ambiente, da economía local e do futuro do País». «O noso compromiso é claro: defender unha Galiza viva, sustentábel e respectuosa co seu territorio frente ás políticas de depredación ambiental” conclúe.