Neste recente 1 de maio, coma vén sendo habitual, escoitamos os berros da clase obreira nas diferentes manifestacións que percorren o Estado español. Vivimos tempos precarios en moitos ámbitos, con problemas alarmantes na Sanidade e na Educación, mortalmente feridas pola escaseza de persoal e brutais recurtes que repercuten na cidadanía e nos profesionais que desempeñan o seu labor cada vez con máis carga de traballo e menos medios, por citar dous dos máis vitais e visibles na vida cotiá.
Que dicir do acceso á vivenda, un luxo inalcalzable para moitos traballadores aínda que estean activos e teñan nómina. Dos convenios que levan anos sen actualizarse mesmamente coma o da hostalería, un sector tan sensible e que move a tanta xente pero estancado. Das mortes cada vez máis frecontes no desempeño laboral, do abuso de Eres e Ertes, dunha Patronal que ve inapropiados salarios mínimos interprofesionais de mil euros. Tremendo fortunón, non vaian chegar a empresarios! Pero para Pepe Álvarez, Secretario Xeral da UXT, o problema de España son Trump e Putin. Foi a súa proclama no descurso deste pasado 1 de maio esperpéntico, onde ademais axitou o medo das mulleres que, pobriñas, onde imos ir sen eles. Sen esa protección que nos brindan para que podamos seguir servindo aos que nunca permitirán que se rompa o teito de cristal que ameaza os seus privilexios varonís e de clase. Unai Sordo, de Comisións Obreiras, na mesma liña de sindicatos á española que ben poderían protagonizar Pajares e Esteso. Probablemente non se notase a diferenza.