O PSdeG-PSOE de Oroso lamenta a «hipocresía» do Goberno local respecto dos investimentos comprometidos pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia na mellora da avenida da Grabanxa.
«En maio de 2023, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, acudiu a Oroso para comprometer un investimento de 518.548€ nesta obra, á que posteriormente lle sumaron outros 120.000€ máis», explica o voceiro socialista Luís Rey.
Porén, lembra que o actual alcalde Álex Doval non tivo entón «a decencia de asistir á recepción, dicindo que era un acto de propaganda do PSOE, cando viña para traer cuantiosos investimentos no municipio». «Así o recolle a prensa daquelas, foi un desplante», indica.
«Agora, pola contra, recibe con eloxios á conselleira Ánxeles Vázquez por anunciar un aporte da Xunta moito menor, amosando que é el quen fai un uso partidista das institucións», critica o socialista. «Nin sequera convidou á Deputación ao acto», engade.
«Aplaudimos que a Xunta de Galicia colabore con este proxecto, o que non aplaudimos é a actitude do alcalde, que despreza o investimento da Deputación de 638.000€ pero agradece o de 268.000€ da Xunta de Galicia por intereses propagandísticos», subliña Rey.
Ademais, o voceiro socialista destaca que «cando o PSOE gobernaba a Xunta nin respondía ás nosas solicitudes de reunión, mentres que a Deputación atendeu a Doval dende o momento no que foi investido, neste caso ata aumentaron o investimento inicialmente previsto».
«Deste xeito demóstranse os diferentes xeitos de facer política do PP e do PSOE, un sectario e outro en beneficio da cidadanía», conclúe Rey.