O artista Cristian Villamide protagonizou a sección “De conversa con…” na Despensa do Saa

O recoñecido artista multidisciplinar Cristian Villamide (Lugo, 1966) foi o protagonista na noite do sábado da sección “De conversa con…”, dentro da programación de actividades culturais da taberna A Despensa do Saa. Foi presentado pola escritora Ánxela Gracián. A intervención de Villamide desenvolveuse baixo o título de Territorio incómodo/territorio acomodado.

Villamide centrou a súa intervención “nesa fenda que se abre entre nós e esa natureza que nos dá a vida”. Deu a súa visión de “como cada vez miramos máis o noso entorno, pero vemos menos”.  Considerou que esa distancia “é moito máis grave ás veces que a propia perda da paisaxe e de ecosistemas; falo da nosa relación coa natureza”.

O artista comentou algunhas das súas obras e lembrou algúns aspectos da evolución da arte ao longo do tempo. Destacou a necesidade do compromiso individual co entorno e da coherencia nas propias accións en relación coa natureza.

Villamide expón estes días na sala Néboa, na rúa Lamas de Prado, baixo o título Cando a paisaxe se fixo verba. A exposición está comisariada por  Paula Cabaleiro, e estará aberta ata o próximo día 31.

Comparte éste artículo
No hay comentarios