A directora xeral de FP subliña o obxectivo de que o 100 % dos rapaces se forme logo de rematar o ensino obrigatorio e que o faga, polo menos, ata cumprir os 18 anos.
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe en Murcia no VII Encontro Nacional de Formación Profesional baixo o título Next Level: F+P, da Formación á Profesión, onde puxo en valor o modelo galego destas ensinanzas como un exemplo de innovación, adaptación e colaboración entre centros educativos e empresas ante os retos do sector.
Durante a súa participación na mesa redonda A Lei de FP: análise e estratexias para a superación dos seus desafíos, a representante da Xunta de Galicia subliñou que na nosa Comunidade se fomenta unha colaboración activa entre centros formativos e o tecido empresarial para impulsar proxectos conxuntos que responden a necesidades reais do mercado laboral e melloran as oportunidades de inserción laboral do alumnado. “Queremos amosar aos compañeiros doutras autonomía o traballo que se está a desenvolver no ámbito da I+D+i dentro da FP na en Galicia”, destacou.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou tamén o Plan FPGal330 de orientación profesional integral, que inclúe un conxunto de medidas para favorecer a permanencia do alumnado no sistema educativo ata, como mínimo, os 18 anos co obxectivo de que o 100% dos rapaces siga formándose logo de rematar o ensino obrigatorio. Nel inclúese aspectos como o reforzo da FP Básica e o desenvolvemento de programas de orientación vocacional, así como accións específicas dirixidas a colectivos concretos, como a mocidade estranxeira ou as persoas con discapacidade, entre outros.
VII Encontro Nacional de Formación Profesional
No congreso tamén participaron o presidente da Rexión de Murcia, así como os directores xerais de Formación Profesional de Cantabria, Estremadura, Murcia e Madrid, xunto con orientadores, docentes e profesorado universitario. A xornada centrouse na análise de estratexias para afrontar os retos actuais de FP e reforzar a súa capacidade de resposta ante os cambios sociais e económicos, así como na loita contra o abandono escolar, a ampla oferta formativa e laboral da FP ou as posibilidades de internacionalización.