Carme da Silva esixe a inclusión do Porto de Vigo no Plan de Investimentos do Corredor Atlántico e corrixir a súa exclusión da Rede TEN-T

O Porto de Vigo representa 20% do PIB da súa área e xera 35.000 empregos directos e indirectos, alega a senadora do BNG.

A senadora do BNG, Carme da Silva, vén de rexistrar no Senado unha batería de iniciativas en que demanda ao Goberno do Estado que rectifique a exclusión do Porto de Vigo do Plan de Investimentos 2025-2030 para os portos integrados no Corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transportes (TEN-T). Da Silva denuncia que esta decisión constitúe unha discriminación inxustificábel a un dos principais portos do Estado e unha ameaza directa ao seu futuro como infraestrutura chave para a economía galega.

“O Porto de Vigo é unha infraestrutura estratéxica, que non pode quedar fóra nin dos fondos europeos nin das previsións de investimento do Estado. A súa exclusión supón unha auténtica marxinación para a Galiza e para un dos motores económicos do país” declarou a senadora nacionalista.

O Ministerio de Transportes anunciou un investimento de 3.143 millóns de euros para o período 2025-2030 destinada aos portos nodais do Corredor Atlántico integrados na rede TEN-T. Porén, o Porto de Vigo non figura entre os destinatarios desta partida ao non estar considerado como porto nodal, unha situación que o BNG cualifica de “inxusta e discriminatoria”.

Carme da Silva exixe que se rectifique esta exclusión e que se inclúa o Porto de Vigo no Plan de Investimentos do Corredor Atlántico. “Non é aceptábel que un porto con 5,7 millóns de toneladas de descargas en 2024, que supón o 20% do PIB da área de Vigo e que xera 35.000 empregos directos e indirectos, quede fóra das prioridades do Goberno español” sinala.

Entre as consecuencias máis graves desta marxinación, o BNG advirte que poderían quedar sen executar infraestruturas fundamentais como o novo punto de inspección fronteiriza en Guixar, a mellora dos atraques en Bouzas, o apeadoiro ferroviario da PLISAN ou o segundo silo de vehículos. “Estes proxectos son imprescindíbeis para a competitividade e o desenvolvemento futuro do Porto de Vigo” explica da Silva.

Ante esta situación, o Bloque demanda que o Ministerio de Transportes habilite mecanismos de financiamento extraordinarios para compensar o porto vigués mentres non se corrixa a súa situación na rede europea TEN-T. Ademais, insta o Goberno a defender en Bruxelas a inclusión de Vigo como porto nodal.

“O Goberno debe comprometerse co impulso, modernización e crecemento do Porto de Vigo. Non se pode seguir castigando unha infraestrutura que é vital para a economía de Galiza e cun peso fundamental a nivel europeo” conclúe a senadora do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios