BNG de Valga: “O goberno municipal oculta información relativa ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar”

O BNG de Valga simplemente solicitou datos que parte deles deberían estar en poder dos servizos sociais municipais e outros teríaos que estar presentando a empresa concesionaria do SAF para cobrar as facturas mensuais en cumprimento do contrato asinado

Todos os concelleiros/as teñen dereito a obter da Alcaldía, do Goberno e da Administración municipal os antecedentes, datos e informacións que obren en poder dos servizos municipais”. Isto é o que di o Artigo 28 do Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Valga no referente ao dereito de información dos concelleiros e concelleiras do Concello de Valga. No mesmo artigo indícase que a solicitude de información “notificarase nos cinco días naturais seguintes á súa presentación”, ademais os concelleiros e concelleiras “teñen dereito a ter copia dos expedientes, así como copia dos documentos que estes conteñan” e a recepción da información “serán realizadas preferentemente telematicamente ou correo electrónico”.

Aínda que todo o anterior está recollido nun regulamento aprobado polo propio goberno municipal de Valga, este incúmpreo sistematicamente tal e como denunciaba publicamente o BNG de Valga a semana pasada, despois da negativa do alcalde a facilitar información sobre varios asuntos relevantes relacionados coa xestión municipal do Concello de Valga.

O BNG de Valga denuncia publicamente a negativa do goberno municipal a facilitarnos información relevante sobre a xestión municipal

Un dos asuntos dos que se solicitou información foi sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a través do rexistro municipal o día 1 de xullo de 2024. Máis de nove meses despois o goberno municipal do Partido Popular, a través dun escrito asinado polo secretario do Concello de Valga, denegaba dita petición por tratarse dunha solicitude de información “xenérica e abusiva”. O BNG de Valga nega rotundamente esta cualificación respecto da información solicitada, pois tal e como se describe a continuación, son datos que algúns deberían estar en poder dos servizos municipais e outros teríaos que estar presentando Sociser, a empresa concesionaria do SAF, para cobrar as facturas mensuais en cumprimento do contrato asinado co Concello de Valga.

A información pedida polo grupo municipal do BNG de Valga, referida aos primeiros meses do novo contrato do SAF, tiña como obxectivo saber o número de horas realizadas e usuarios do servizo nas modalidades de dependencia ordinaria, dependencia extraordinaria e libre concorrencia. Tamén se pediu o número de solicitudes recibidas polos servizos municipais para optar á prestación das tres modalidades citadas anteriormente e a listaxe de agarda de usuarios que existe en Valga. Todos estes datos están, ou cando menos, deberían estar en poder dos servizos sociais municipais, polo que o feito de non facilitar estes datos é unha vulneración do dereito fundamental de acceso á información.

O Servizo de Axuda no Fogar foi formalizado o 13 de febreiro de 2024 coa empresa Sociser, cun orzamento de licitación de 1.511.023,60 euros. Os pregos de condicións que rexen este contrato valoraban uns servizos adicionais de podoloxía (122 horas), fisioterapia (122 horas), limpezas de choque (122 horas) e o acompañamento puntual extrahorario (77 horas). A actual empresa concesionaria ofertou todos estes servizos, polo que o BNG de Valga simplemente solicitou saber o número de horas realizadas de cada un deles e o número de solicitudes para optar a estes servizos.

Outro aspecto que se valoraba era a oferta por parte da empresa dunha bolsa adicional de horas sen custe para o Concello, e aquí Sociser ofertou 3.000 horas a maiores. Precisamente foi esta mellora a que decidiu o concurso xa que a actual concesionaria ofertou case catro veces máis horas que a segunda clasificada, nove veces máis respecto da terceira e 37 veces máis respecto da cuarta, feito este que foi decisivo para gañar a licitación do SAF. Respecto deste punto o BNG de Valga solicitou saber o número de horas realizadas para esta bolsa adicional.

Para o BNG de Valga é especialmente grave a negativa do alcalde a dar información sobre o Servizo de Axuda no Fogar, un servizo que conta actualmente cunha alta demanda e no que moitas familias solicitantes desta prestación atópanse totalmente desamparadas ante a falta de información. Esta falta de transparencia non afecta unicamente aos concelleiros do BNG, afecta a todos os veciños e veciñas de Valga que teñen dereito a saber como se xestionan os recursos o Concello de Valga.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios