O PP destaca o inicio da colocación de 128 trampas para velutinas que está a realizar a Xunta en Monforte

Katy Varela explica que esta campaña vira en torno a tres eixes, planificación, coordinación e xeolocalización; o que permite estudar perfectamente en que puntos se colocarán as trampas, atendendo á aparición dos niños en anos anteriores, en coordinación con todos os axentes implicados podendo realizar un seguimento exhaustivo da evolución das trampas, con revisións cada 15 días para actualizar os datos e repoñer o líquido.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte poñen en valor o inicio da colocación de trampas para capturar vespas velutinas no municipio que consistirán na colocación total de 128 trampas.

A voceira popular, Katy Varela, destaca que grazas ao trampeo anual realizado pola Xunta de Galicia durante os últimos anos, a incidencia da vespa velutina na vida cotiá dos monfortinos foi a menos e “xa o ano pasado houbo moitos menos avistamentos e menos accidentes coas persoas”.

Concretamente houbo unha diminución significativa de 2023 a 2024, cun descenso de 330 a 197 avisos.

Neste senso, a voceira popular recorda que “a loita contra esta especie invasora é cousa de todos e por iso precísase seguir potenciando a coordinación entre todas as administración, sectores produtivos afectados e a sociedade no seu conxunto”.

Un dos eixes sobre os que xira este trampeo é a xeolocalización, o que permite planificar e sobre todo controlar con maior detalle a loita contra este insecto “aumentando considerablemente a eficacia do sistema”. “Este trampeo xeolocalizado atende a unha das principais demandas do sector e permite facer un seguimento e estudar a evolución cos datos recollidos”, explicou.

Así, este trampeo é planificado, coordinado e xeolocalizado. As trampas instalaranse tomando de referencia a localización dos niños de velutina de anos anteriores, en coordinación con todos os axentes que as situarán no territorio (profesionais de Seaga e persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta, que xa está recibindo formación específica para estas tarefas).Por último, a xeolocalización permite realizar un seguimento exhaustivo da evolución das trampas, con revisións cada 15 días para actualizar os datos e repoñer o líquido.

Ademais, dende a Xunta de Galicia tamén se imparten charlas formativas co fin de informar a toda a sociedade da expansión da avespa velutina e trasladar a importancia de elaborar unha fronte común entre toda a sociedade. Nelas explícase á cidadanía como actuar en cada caso e danse indicacións sobre como se está a levar a cabo o trampeo.

Lembrar que está á disposición da poboación o teléfono de atención e información012, no que se poderá notificar o avistamento dun niño de velutinas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios