Presentación da revista Cairón nos tres concellos da Ulloa (10 e 11 de maio)

O sábado 10 de maio ás 12,00 h será presentado en Monterroso, na sede do Instituto de Estudos Ulloáns o  número 8 da revista Cairón. Intervirán na presentación Rubén Lois González, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago, que no apartado «O conflito de Altri» publica o artigo titulado «O confronto de dúas xeografías: o espazo banal e de recursos fronte ao espazo vivo e de resistencia no conflito de Altri»; Fernando Salgado, xornalista, que no apartado «Historias» publica o artigo «Xénese e consolidación dos concellos constitucionais da Ulloa»; e Francisco Pardo Teijeiro, director do IEU, que publica o artigo «A paisaxe emocional do Camiño de Santiago na Ulloa».

   Ás 18 h do mesmo sábado será presentado Cairón na Casa da Cultura de Antas de Ulla. Presidirá o acto a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, e contarase coas intervencións de Andrea Santiso, filóloga e coordinadora da Sección de Literatura e toponimia do IEU, autora do artigo titulado «Arredor da toponimia maior do Concello de Antas de Ulla»; Patricia Coucheiro, profesora de filosofía e directora artística, coordinadora da Sección de Audiovisuais do IEU, autora do artigo «Historias de cultura en Antas de Ulla»; e Xosé Luis Santiso e Francisco Pardo, directivos do IEU. Finalizará o acto coa lectura do poema de Paco Ledo publicado en Cairón e coa intervención poética-musical da escritora Adela Figueroa, autora de varios poemas publicados neste número.

   O domingo 11 de maio ás 12 h presentarase Cairón no Salón de plenos da Casa do Concello de Palas de Rei nun acto coordinado por Francisco Pardo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios