O PP de Padrón critica o “apagón informativo” do alcalde respecto á aprobación dos orzamentos

O voceiro do Partido Popular de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, critica o “apagón informativo” do alcalde, Anxo Rei, respecto da aprobación dos orzamentos municipais para o exercicio de 2025 e reclámalle “máis xestión, máis interlocución coa oposición e máis transparencia”.

O voceiro popular denuncia publicamente que, a pesar de estar xa no mes de maio, “nin o,PP nin a veciñanza de Padrón coñecen cales son as pretensións de Anxo Rei respecto da aprobación dos orzamentos”, mentres que no último pleno trascendeu que desde a Alcaldía xa se remitiron “varios borradores” das novas contas á concelleira do BNG. “É unha nova mostra de soberbia do alcalde, que está a ignorar deliberadamente aos máis de 1.800 veciños e veciñas que respaldaron ao Partido Popular nas últimas municipais”, sinalou.

“Como o alcalde está a manexar esta cuestión con total escurantismo e opacidade, desde o PP de Padrón deducimos que o feito de non ver avances na elaboración dos orzamentos e non convocar a Comisión de Facenda está a poñer en evidencia a falta de entendemento entre o PSdeG e o BNG e a inestabilidade do goberno”, apunta Ángel Rodríguez.

“A Anxo Rei pasoulle a hora feliz e xa comezan a verse as costuras do seu goberno, politicamente débil, cada día máis illado e totalmente falto de xestión”, apuntou o voceiro popular, quen considera que “Anxo Rei cada día parécese máis a Pedro Sánchez, máis preocupado pola súa imaxe que por gobernar con eficacia e solucionar os problemas da xente”.

Batería de propostas

O voceiro do PP solicítalle ao alcalde que poña fin á “censura informativa” e o “desprezo institucional” á oposición e os veciños e veciñas que representan e reclámalle que “abra unha vía de diálogo para buscar apoios para a aprobación dos orzamentos”. Neste contexto, Ángel Rodríguez pon enriba da mesa unha batería cunha quincena de proxectos e actuacións que os populares valoran como “imprescindibles” para apoiar as contas:

  • Proxecto integral de arranxo, acondicionamento e mantemento da trintena de parques e áreas infantís existentes en todo o munipio, que se atopan maioritariamente nun estado de “abandono ou semiabandono”.
  • Na parroquia de Iria Flavia: saneamento en Pazos, mellora de pavimentos en Pombal de Abaixo, mellora do vial de Cambelas a Romarís e melloras viarias na Ponte e na Horta.
  • Na parroquia de Carcacía: acondicionamento do campo de fútbol e mellora do vial de Rial a Rumille e dun vial en Pousada.
  • Na parroquia de Cruces: ampliación da redes de saneamento e abastecemento e humanización da contorna na Escravitude, mellora de viais nos núcleos de Prada e A Picaraña e rehabilitación do vial de Cruces a Bascuas.
  • Na parroquia de Herbón: mellora de viais na Rocha, arranxo do pavimento desde a Igrexa de Santa María de Herbón ata o río Ulla e primeira fase da renovación da tubaxe do abastecemento de auga nesta parroquia.
  • E en Padrón: abastecemento no lugar de Pedreira, dotación dunha estrutura cuberta para o parque infantil do Xulgado e construcción dunha pista multideporte 3×3 cuberta na Barca.
Comparte éste artículo
No hay comentarios