O BNG de Muxía pide un recoñecemento ás persoas da localidade que contribuíron a preservar o cancioneiro popular galego

O BNG de Muxía solicitará á Corporación Municipal no vindeiro pleno, en interese de todo o concello, que se inclúa na programación cultural deste ano 2025 o recoñecemento a veciños e veciñas da localidade que recolleron, mantiveron e transmitiron o patrimonio cultural oral dos nosos antergos. Os nacionalistas piden que se celebren actos de homenaxe, elaboración e publicación de documentación na que se recollan as súas figuras e se saliente a súa aportación, así como mediante a colocación de placas nos seus lugares, designación de lugares públicos ou outras iniciativas que axuden a dar visibilidade á súa aportación.

Desde o BNG cren que a edición do Día das Letras 2025 débese aproveitar en Muxía para salientar, máis alá do recoñecemento da RAG ás seis cantareiras homenaxeadas, a todo o colectivo de cantareiras e, nomeadamente, ás veciñas e veciños que colaboraron a que hoxe exista a obra fundamental do noso folclore musical:  o Cancioneiro Popular Galego, compilado e ordenado por Dorothe Schubarth e Antón Santamarina, cuxos fondos están preservados no Museo do Pobo Galego como parte do patrimonio inmaterial galego.

O grupo nacionalista quere destacar a contribución cultural do municipio de Muxía “ao patrimonio de todos os galegos e galegas, homenaxeando tamén ás persoas recollidas como informantes por Dorothe Schubarth en varias parroquias e lugares do concello”, e que son:

⦁​Delfina Trillo Vilela (Delfina da Ghuapita), de Añobres (Moraime).

⦁​Elisa Sánchez Varela (Elisa da China), de Añobres (Moraime).

⦁​Esperanza Trillo (Dna. Esperanza), de Lourido (Moraime).

⦁​Mª Ester Álvarez Baliña, de Santa Mariña (San Pedro de Coucieiro).

⦁​Dolores Bua Barrientos (Lola da Rasqueta), de Muxía (Santa María de Muxía).

⦁​Francisco Canosa Barrientos, “O Nemiñán”, de Risamonde (Moraime).

O BNG sinalou que non houbera en Galiza, ata o momento, ningún acto de recoñecemento a estas persoas, alén do día das Letras Galegas dedicado aos trovadores medievais da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martín Codax, en 1998. Este ano 2025, a Real Academia Galega vén de recoñecer o labor das cantareiras, e fíxoo, como establecen os seus estatutos, de xeito nominal. Así foi recoñecida entre outras, amuxiana Eva Castiñeira.

“Muxía destaca, polo tanto, por ser un dos poucos que conta no seu patrimonio cultural con dous homenaxeados do Día das Letras; o primeiro en 1971, Gonzalo López Abente, e o segundo neste 2025, a Eva Castiñeira, veciña de Agranzón”, subliñou a formación nacionalista, que engadiu que “podemos dicir que somos unha anomalía cultural con fachenda: somos un concello de artistas!”. 

Porén, non se fixo polo momento ningún recoñecemento a estas persoas que, segundo recolleu o inxente traballo da musicóloga suíza Dorothé Schubarth e de Antón Santamarina, contribuíran como informantes a que hoxe exista o Cancioneiro Popular Galego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios