A gastronomía volverá ser unha das protagonistas da Revolta Irmandiña coa celebración dunha nova edición do Pincho Irmandiño, unha iniciativa que combina historia, creatividade culinaria e promoción da hostalería local a través dun reto tan singular como atractivo: elaborar propostas inspiradas na cociña da Galicia medieval empregando exclusivamente ingredientes coñecidos antes do descubrimento de América.
Nesta edición, os establecementos Gandainas, Enredo, San Roque, O Ferro e Brasil aceptaron o desafío de reinterpretar sabores e produtos que formaban parte da alimentación dos nosos devanceiros, demostrando que tradición e innovación poden convivir nun mesmo prato.
A organización quere agradecer especialmente a implicación destes locais, que contribúen a enriquecer a programación da Revolta Irmandiña cunha actividade que vai máis alá da gastronomía, converténdose nunha experiencia que permite achegarse á historia a través dos sabores.
Entre as propostas que poderán degustarse atópase a “Filloa Rechea” de restaurante Brasil, unha elaboración que combina grelos, bacallau, gambas e bacon envoltos nunha delicada masa elaborada con fariña, leite e ovos, ofrecendo unha interpretación creativa de ingredientes tradicionais da nosa gastronomía.
P
ola súa banda, a tapería Gandainas presentará a súa “Tosta Rústica de Solombo e Horta”, elaborada sobre unha base de pan e coroada cun medallón de solombo acompañado de coliflor, leituga, escarola, brotes frescos e cebola, nunha proposta que reivindica os produtos da terra e da horta.
O establecemento Enredo participará con “Enredado”, unha creación na que a cabeza de lombo de porco se combina con cebola, cenoria, allo, viño branco, caldo de carne, mel e loureiro, rematada con queixo e pan artesanal para ofrecer unha proposta chea de matices e sabor.
Desde restaurante San Roque chegará a súa “Tosta Irmandiña”, unha combinación de queixo de cabra, carne picada de porco ceibe e cebola caramelizada con mel sobre unha base de pan, recuperando algúns dos ingredientes máis representativos da tradición culinaria galega.
Pola súa parte, restaurante O Ferro apostará por “A Derruba”, unha elaboración que mestura fariña, azucre, ovos, carne de porco e abelás, creando unha proposta inspirada nos contrastes de sabores característicos da cociña medieval.
Cada unha destas creacións poderá degustarse ao prezo de 2,50 euros durante os días 11, 12 e 13 de xuño nos horarios habituais de apertura dos establecementos participantes. Ademais, o público terá a oportunidade de votar pola súa creación favorita e contribuír á elección do mellor Pincho Irmandiño 2026.
O Pincho Irmandiño consolídase así como unha das actividades complementarias máis singulares da Revolta Irmandiña, unindo gastronomía, patrimonio e dinamización local nunha proposta que invita a veciñanza e visitantes a descubrir, bocado a bocado, como podían saber os alimentos da Galicia de hai máis de cinco séculos.