Persoal do Hospital da Mariña e doentes continúan mobilizándose para exixir solucións ou dimisións

Persoal do Hospital da Mariña desenvolveu este mmércores o 24 día de concentracións para denunciar as carencias dun hospital “incapaz de cubrir as necesidades sanitarias da veciñanza da comarca”.

Ás protestas diarias súmase persoal sanitario de todas as categorías, mais tamén usuarias e usuarios que reclaman unha sanidade pública de calidade e de proximidade, “na Mariña e para a Mariña”.

A Xunta de Persoal, que convoca as concentracións, denuncia que malia haber camas baleiras no Hospital de Mariña, a falta de persoal médico obriga a ingresar pacientes en Lugo, co trastorno que isto implica tanto para as persoas doentes como para a súas familias.

Xunto a isto, advirten que moitas consultas se atopan reducidas ou incluso pechadas “polo que o número de doantes en lista de agarda non fai máis que medrar xerando un abandono absoluto no seguimento destas persoas”. Explican que moitos dos seguimentos “que se deberan facer de xeito ambulante rematan xerando ingresos pola falta de citas regradas nas consultas externas”.

Para isto, a xunta de persoal pide que se optimicen os cadros de persoal da área sanitaria, e que cubran todas as prazas.

Lembran que o 30 de agosto de 2017, cargos da Consellaría de Sanidade explicaron que a reforma da Lei de Saúde e a supresión da Área Sanitaria da Mariña, lonxe de debilitar o hospital, permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima e avanzar no número de actividades evitando así os desprazamentos da cidadanía, “algo que no día a día vemos que é unha mentira”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios