Concello de Lugo e USC completan un estudo de mobilidade para mellorar a circulación e a seguridade viaria

A análise abordou tanto o fluxo de tráfico rodado como o tránsito peonil, co obxectivo de detectar necesidades e identificar melloras.

O Concello de Lugo, en colaboración coa Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, vén de concluír un estudo técnico centrado na mobilidade da contorna da rúa San Roque. A análise abordou tanto o fluxo de tráfico rodado como o tránsito peonil, co obxectivo de detectar necesidades e identificar melloras que favorezan unha circulación máis segura, ordenada e eficiente.

A de San Roque é unha das zonas con maior intensidade de tránsito da cidade, polo que contar con datos obxectivos resulta esencial para deseñar actuacións baseadas no rigor técnico. Entre as propostas que se 
derivan do estudo figuran posibles modificacións na configuración viaria, optimización da sinalización ou medidas para favorecer a mobilidade peonil.

O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, puxo en valor esta colaboración académica: «Neste caso realizouse un estudo técnico de análise de tráfico na zona de San Roque, un dos puntos con 
maior intensidade de paso tanto de vehículos como de peóns na cidade de Lugo. Esta análise foi realizada pola EPS, e permitiunos dispor de datos obxectivos sobre os fluxos de tráfico e o comportamento peonil, para valorar distintas alternativas que nos permitan optimizar a mobilidade nesta contorna».

Cómpre lembrar que moitos dos grandes cambios na ordenación do tráfico impulsados nos últimos anos pola área de Infraestruturas do Concello –como pode ser o caso da rotonda xa fita en San Eufrasio- contaron tamén con estudos previos realizados pola USC, empregando metodoloxía de vangarda. Estes traballos baséanse en ferramentas tecnolóxicas avanzadas como imaxes robotizadas para o conteo de vehículos e peóns, así como no seguimento a través das cámaras de tráfico instaladas pola Área en puntos estratéxicos da cidade, especialmente nas zonas de maior densidade circulatoria.

O informe elaborado pola USC está xa en mans dos servizos técnicos municipais, que avalían agora cales das propostas poderán ser implantadas, atendendo á súa viabilidade técnica, económica e funcional. Desde o Concello tamén se sinala que este modelo de colaboración coa Universidade, e especialmente co Grao de Enxeñaría Civil, continuará sendo clave na planificación de futuros avances na mobilidade urbana en Lugo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios