Lugo por Palestina convoca hoxe mércores unha manifestación coincidindo co 76º aniversario da Nakba

A mobilización partirá ás 20:00 horas desde a Delegación Provincial da Xunta de Galicia, situada na Ronda da Muralla, e percorrerá as rúas da cidade ata a Praza Maior, onde se procederá á lectura pública dun manifesto.

A plataforma Lugo por Palestina, convoca unha manifestación en Lugo hoxemércores 15 de maiono marco dunha acción coordinada en diferentes territorios coa Rede Galega pola Palestina, coincidindo co 76º aniversario da Nakba, o pesadelo que no 15 de maio de 1948 deu comezo á agresión colonial do rexime sionista de apartheid. Máis de 750.000 persoas palestinas foron expulsades do seu fogar (converténdose en refuxiades na súa propia terra), e máis de 500 vilas e aldeas foron destruídas, xunto con monumentos, rexistros culturais e arqueolóxicos, etc. Así empezou un brutal proceso de borrado xeográfico e limpeza étnica para consolidar a hexemonía sionista na rexión, un proceso que dura ata os nosos días.

Despois de máis de ano e medio de xenocidio incesante, hai unha semana o rexime colonial sionista facía oficiais os seus planos de invadir de xeito permanente a Faixa de Gaza. Despois de diferentes sentencias nos tribunais internacionais (que ningún goberno europeo se atreve a facer efectivas, nun noxento exercicio de hipocrisía), bombardeo masivo e indiscriminado de áreas residenciais, hospitais, escolas, tendas de campaña en campamentos de refuxiades e corredores humanitarios, bloqueo de alimentos, electricidade e medicinas, encarceramentos sumarios, torturas e ataques simultáneos contra outros países veciños como o Líbano, a Siria ou o Iemen e mesmo contra cooperantes das ONGs pacíficas en augas internacionais, agora o réxime sionista reafirma sen disimulo a lóxica exterminadora sobre a que se fundou.

Ano e medio tras o comezo do xenocidio, incluso a parte máis concienciada da sociedade está comezando a esquecer e ignorar. Non podemos deixar que os recentes acontecementos (comercio de armas continuado, represión mundial ao movemento, ataque á flotilla humanitaria de camiño a Gaza, aprobación do plan de invasión total da franxa) pasen sen ningún tipo de resposta. Non podemos deixar de movernos por Palestina.

Desde Lugo por Palestina denúnciase a pasividade da comunidade internacional e a responsabilidade directa de gobernos como o español e o galego, que manteñen acordos comerciais e militares co réxime israelí malia as reiteradas denuncias de crimes de guerra e xenocidio. A plataforma fai un chamamento á cidadanía lucense, aos colectivos sociais, sindicatos, organizacións culturais e políticas, a sumarse á mobilización e a alzar a voz por unha Palestina libre e soberana. Reivindícase non só o dereito do pobo palestino a regresar ás súas terras, senón tamén o seu dereito lexítimo á resistencia contra a ocupación. Fronte ao silencio institucional, a solidariedade dos pobos é máis necesaria ca nunca.

Comparte éste artículo
No hay comentarios