Grueira pregúntase “como vai xestionar o alcalde unha Fundación coa que pretende evitar controis como o de secretaría e intervención, se non foi capaz de xestionar o Concello onde si hai eses mecanismos” e “aínda así situou a Pol como o Concello con máis débeda da provincia, máis de 3,5M€”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, e a voceira do PP en Pol, Nicole Grueira, amosan a súa “preocupación” sobre o uso ao que quere dirixir o alcalde do municipio a nova Fundación creada no Concello e que preside o propio rexedor.
Grueira teme que “esta Fundación non aporte ninguén beneficio aos veciños e veciñas”. É máis, pregúntanse “que pretende facer o alcalde coa Fundación que non poda facer o propio Concello que tamén dirixe o propio alcalde”.
Así mesmo, incide en que “o rexedor socialista de Pol non foi capaz de xestionar o Concello” como evidencian os datos económicos: cunha débeda de máis de 3,5M€, o Concello de Pol é o que máis debe da nosa provincia.
A popular pregúntase, polo tanto, “se non foi capaz de xestionar o Concello onde hai mecanismos de control como os servizos de secretaría e intervención municipais, como vai xestionar unha Fundación coa que pretende evitar este tipo de controis”. Polo tanto, esixe “explicacións claras sobre o motivo polo que creou unha Fundación nun municipio como o de Pol”.
Ameijide e Grueira explican que, “segundo as informacións que temos, todas as propiedades que adquiriu nos últimos meses o Concello, nalgún caso co apoio da Deputación de Lugo, as pretende trasladar á Fundación como unha transferencia de capital”. Polo tanto, “así poderá facer e desfacer ao seu antollo”.
XESTIÓN CON SENTIDO
Os populares defenden que os veciños e veciñas de Pol sigan recibindo o apoio da Deputación, como sosteñen para todos os concellos da provincia en igualdade de condicións; pero piden ao alcalde e ao goberno da Deputación “maior rigor na xestión e no destino de fondos públicos”. E, inciden na necesidade de “priorizar o gasto en servizos aos veciños e en facer algo para que Pol non quede deserto en lugar do fútbol e outras ocorrencias do alcalde que só arruinan a Pol”. Grueira subliña “o que queremos os veciños de Pol son investimentos con sentido”.
Así mesmo, agardan que a finalidade da nova Fundación “non sexa para enriquecerse ou poñerse sobresoldos porque xa vimos outras creadas na provincia en concellos gobernados polo PSOE que se están empregando para iso”, advirten.