- Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?
- Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?
- Relatorio sobre Castelao na feira do libro. Miguel Anxo Seixas Seoane e Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega
- ¿E por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara Galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio de Prata?
- ¿Que programación ten a Fundación para este ano?
- ¿E que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?
- ¿Un desexo para a Galicia Universal?
- Exemplares na caseta de Galicia na Feira do Libro de Buenos Aires
O presidente da Fundación Castelao participou das actividades programadas polo Goberno galego no marco da XVIX Feira Internacional do Libro da capital arxentina no ano dedicado ao “símbolo e mito” de Galicia
“A derradeira leición do mestre”, o “guernica galego”, pintada por Castelao no Centro Galicia de Buenos Aires.
Miguel Anxo Seixas deu conferencias, coloquios e guiou visitas culturais en Buenos Aires nos últimos días de abril e os primeiros de maio. Achegou sempre unha mensaxe de gratitude coas xentes e as institucións da emigración e o exilio. Nunha entrevista co Observatorio das Diásporas do IGADI arredor do Ano Castelao, adiantou que traballa no proxecto de crear un Museo dixital que agrupe toda a obra do xenial rianxeiro e chamou a traballar en conxunto a prol da lingua e da cultura de Galicia. O patrimonio artístico e cultural creado nos territorios da Galicia exterior está desde fai tempo no centro dun áspero debate sobre o seu futuro, as condicións de preservación, os responsables de custodialo, o lugar que teñen que ocupar no olimpo cultural galego e a relación destas testemuñas artísticas coa historia e a identidade do país.
Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?
Os sentimentos das persoas pódense manifestar de distintas maneiras. Son respectuoso con todas as propostas emocionais, políticas, e, ás veces, partidarias. Aínda que, ás veces, as partidarias non me interesan, pero as espeto porque son un demócrata. Creo que ás formas de darlle respecto e aprecio a Castela poden ser infinitas. Hai persoas que o homenaxean facendo unha tatuaxe no corpo, lendo a súa obra ou publicando un libro. A forma de recoñecer que lle debemos moito a Castelao ten moitas manifestacións. Outra cousa é se iso abonda ou realmente hai interese en facelo. Hai que ver se esa homenaxe que se lle quere facer a Galicia está a altura ou non. Uns faríano dunha maneira e outros faríano doutra. Ao mellor se pensa que con esa homenaxe se compensan todas as desgrazas, as adversidades que pasou, todo o que lle debemos. Pero creo que unha persoa que xa é recoñecida polo pobo galego como o seu símbolo, que é o máximo recoñecemento que lle podes dar a un representante. Unha persoa que xa está a altura de Rosalía, que xa é un mito, ten sentido quizá facer outras cousas por divulgar a súa obra, por facer películas, pero pedir para el recoñecemento de Presidente cando non existía tal presidencia, cando non había un presidente en Cataluña nin do País Vasco, cando había un Estatuto no que se ía avanzar e logo el podía saír elixido presidente ou non. A min xogar a eses futuros ou esas ficcións históricas non me parece acertado. Creo que Castelao xa é un mito e un símbolo de Galicia e non ten sentido darlle unha titulación que non estaba no Estatuto e non foi tramitada. Que podería haber, igual que no Estado un presidente da República que era xefe de Estado da república, e por outro lado un presidente do Goberno, dúas figuras. Iso era algo que se ía decidir cando se desenvolvese. Non creo acertado facer esa proposta porque é algo ficticio.
Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?
O parlamento fixo unha publicación histórica do estatuto galego que fixo Castelao e aproveitou para facer ao mesmo tempo un recoñecemento ao Consello de Galicia. A eses deputados, representantes legais que Castelao puido reunir aquí en Buenos Aires, (outros morreran ou estaban noutro sitio de Galicia) foi capaz de crear unha institución moi interesante, moi pensada, que é estes homes que foron escollidos pola democracia como uns supostos representantes dun suposto Goberno que non o era e representan a ese pobo que votou unha maioría para recordarlle aos autoritarios, á ditadura, ás armas, aos sanguinarios que hai algo sobre iso que ten máis valor. Que é o respecto a un pobo e a unha democracia. E unha democracia que eles sí escolleron a Castelao como presidente, polo tanto, Castelao é presidente do Consello de Galicia. Un acerto de Castelao imitando aos vascos e aos cataláns.
Relatorio sobre Castelao na feira do libro. Miguel Anxo Seixas Seoane e Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega
¿Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?
Paréceme unha idea excelente. Creo que un goberno que tanto lle debe a Castelao, que temos un Estatuto de Autonomía debido ao sacrificio dunhas persoas que deron a súa vida pola democracia, que agora, os representantes elixidos polo pobo galego lle fagan un recoñecemento paréceme obrigado. Outra cousa é se é dabondo o que se fai, pero alomenos hai unha proposta que di que Castelao nos une a todos igual que Rosalía. Hai estratexias partidarias de cada quen pero creo que todo o que se faga por Castelao, aínda que se faga o máis grande do mundo, sempre será pouco.
¿E por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara Galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio de Prata?
Eu entendo que o BNG recoñecer a Castelao como “presidente de Galicia” e iso o Parlamento non o acepta porque xuridicamente non é verdade. É presidente do Consello de Galicia.
¿Que programación ten a Fundación para este ano?
A Fundación Castelao o que intentou desde hai un tempo é avisar de que se cumprían 75 anos do seu pasamento e avisarlle ás institucións ás que tivo acceso, deputacións, concellos, Parlamento, Consello da Cultura Galega, universidades, que hai que celebrar a Castelao, que lle debemos moito. O que non podemos facer é sen recursos.
¿E que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?
Eu creo que o que define a Castelao é a súa actitude ética, loitando contra a inxustiza, que todo lle veña en contra e que sexa un derrotado, pero que ao tempo é un triunfador porque cre que a literatura e a arte poden facernos mellores. De que o mundo que herdamos pódese perfeccionar, que hai que deixalo un pouco mellor do que o herdamos. El non cre no progreso pero cre na perfección. E creo que os galegos e as institucións galegas non facemos todo o que podemos por mellorar a nosa lingua e a nosa arte. É un exemplo ético para nós e que só mirar para el debía darnos vergonza de moitas actitudes que temos porque a situación da lingua é dramática. Eu se tivese que escoller un escudo para Galicia elixiría un debuxo de Castela que di “non lle poñades chatas á obra porque hai sitio para todos”. Os galegos somos poucos, necesitámonos e as adversidades da lingua e da cultura neste momento son enormes.
¿Un desexo para a Galicia Universal?
Hai unha soa Galicia, que ten unha base territorial nunha zona, pero hoxe coas conexións que temos, coas redes, coas plataformas temos toda unha koiné lingüística na que nos podemos apoiar. Non podemos vivir separados uns dos outros, necesitámonos. Temos que xuntarnos e cada un no que lle corresponde facer aquilo que mellor sabe facer. Aquí desde Buenos Aires teredes que facer cousas que nós non podemos e nós temos que facer alá algo por vós, pero sempre cara a un proxecto común. Cara a unha orientación. Non andar cada un polo seu lado e dispersando as forzas que temos. Sexamos galegos e traballemos por facer país porque sairemos beneficiados todos.
Exemplares na caseta de Galicia na Feira do Libro de Buenos Aires
¿Que fai a Fundación Castelao para preservar o seu legado no mundo?
A miña aspiración como Presidente da Fundación Castelao sería ir cara a un Museo dixital total. Iso require moita financiación, recursos. Antigamente as persoas tiñan obra de Castelao e a disfruta ou a usufructúa en soidade porque era propietaria. Poño por caso “A derradeira leición do mestre”: é unha obra feita en Arxentina, da Arxentina e ten que estar na Arxentina. Iso hai que telo claro. Agora, porque estea en Arxentina ¿non poden acceder os demais a esa obra?, non. A maioría da está no Museo de Pontevedra, pero tamén na colección de Abanca, na colección de Castrelos ou en coleccións particulares. Hoxe a tecnoloxía permítenos que teñamos as obras que formen parte da república mundial das letras, desa biblioteca ideal que dicía Borges. ¿Por que teño que ter un libro se o podo ter en formato dixital? Teño que ser respectuoso dos dereitos de autor, se forma parte dunha colección particular, indico que forma parte dunha colección particular, pero hoxe a tecnoloxía permite que teñamos un museo de Castelao case total e esa é a miña aspiración antes de morrer.
Fonte. https://www.igadi.gal/investigacion/observatorio-das-diasporas/