A Fiscalía Provincial da Coruña está a investigar a legalidade da nova gasolineira aberta en Ledoño ao carón do ría Valiñas, despois de que o Colectivo das Pedras Galladas denunciara a obra por invadir a zona de protección fluvial.
O Ministerio Público pediu á APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) que informara sobre a denuncia que nela interpuxo a asociación ‒e da que nunca recibimos resposta‒, así como das actuacións que dela se derivaron.
Así mesmo requírese ao Concello de Culleredo para aporte informe documentado sobre as licencias de explotación e actas de inspección que se teñan practicado para permitir a construción do establecemento.
A Fiscalía afirma que de confirmarse os feitos denunciados polo Colectivo das Pedras Galladas, serían responsables tanto a empresa titular da instalación como os órganos administrativos que tiveran concedido licenzas de actividade contrarias ao ordenamento xurídico.
Desde o Colectivo das Pedras Galladas sabemos que a gasolineira de Ledoño non cumpre co esixido por lei, debido á súa proximidade co río Valiñas, e seguiremos esgotando todas as vías posibles para que se faga xustiza.
O río Valiñas sobrevive entre ameazas constantes e a gasolineira. construída á súa beira en Ledoño, é o exemplo máis evidente. A obra foi obrigada a parar durante meses, mais finalmente abriu ao público, a pesar dos flagrantes incumprimentos e do risco que supón para o ecosistema fluvial.
Nos últimos meses e anos denunciamos, desde a nosa asociación, varias verteduras ilegais contra o río en varios puntos do concello de Culleredo e loitamos por defendelo contra ameazas como a construción da gasolineira nas súas marxes inmediatas.