Os populares esixen, entre outras medidas en materia de comunicacións, q que o Goberno de Sánchez “comprometa investimentos para a mellora de infraestruturas viarias e ferroviarias na provincia de Lugo de forma equiparable ás outras tres provincias galegas para garantir as súas comunicacións, a súa competitividade e o seu desenvolvemento”.
O senador por Lugo e coordinador xeral do Partido Popular provincial, José Manuel Balseiro, defenderá o vindeiro luns pola tarde unha moción na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible en relación co desenvolvemento do proxecto do Corredor Atlántico Ferroviario en Galicia.
Para Balseiro «é unha mágoa que o Goberno Sánchez estea centrado nos seus problemas en lugar dos problemas da xente e dos territorios» e precisamente as necesidades dos galegos e dos lucenses «non forman parte da orde do día dos Consellos de Ministros, pero si o estarán no Senado e no Congreso a iniciativa do PP».
É unha obviedade que o Goberno «gasta máis tempo en defenderse de casos de corrupción que en sacar adiante a Lei de orzamentos xerais do Estado ou en debater os problemas, por exemplo da provincia de Lugo, que corre o risco de descolgarse das grandes autovías ferroviarias europeas e nacionais».
Nese senso, lamenta que por decisión de Sánchez e Óscar Puente «Lugo volva a ser a irmá pobre en materia ferroviaria: a única capital galega excluída da chegada do AVE, das melloras de tren entre Galicia e Madrid e o 90% da provincia queda excluída do Corredor Atlántico de Mercadorías que só pasa por Monforte».
Balseiro recalcou que “non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco queremos ser menos”.
As demandas dos populares céntranse en catro puntos:
1.- Comprometer investimentos para a mellora de infraestruturas viarias e ferroviarias na provincia de Lugo de forma equiparable ás outras tres provincias galegas para garantir as súas comunicacións, a súa competitividade e o seu desenvolvemento.
2.- Especificar a relación de obras que se van a levar a cabo en Galicia e o horizonte temporal da súa finalización, en relación co proxecto de Corredor Atlántico Ferroviario.
3.- Nomear, con carácter urxente, o interlocutor con Renfe comprometido fai meses para informar á Xunta de Galicia das incidencias e avances en infraestruturas ferroviarias.
4.- Acelerar os traballos da saída sur de Vigo para garantir a súa finalización nun prazo razoable, garantindo así a conexión efectiva de Galicia co resto do Corredor Atlántico e con Portugal.