O sindicato convocou este luns unha folga estatal de dúas horas e concentracións diante da Subdelegacións do Goberno
CCOO convocou para este luns, 19 de maio, unha folga de dúas horas en todas as oficinas de estranxeiría do Estado, entre as 12:30 e as 14:30. Ademais, das 13:30 a 14:30, estaban previstas concentracións diante das Subdelegacións do Goberno como acto de protesta polos problemas estruturais sen resolver.
O sindicato denuncia que as medidas anunciadas polo Goberno de España son insuficientes e chegan tarde. Malia que se prevé incorporar 750 novos traballadores e traballadoras, o propio Executivo central recoñece que o persoal non estará dispoñible ata finais de ano. Isto deixa sen reforzos ás oficinas xusto cando entra en vigor o novo Regulamento de Estranxeiría, mañá martes, 20 de maio.
A situación das oficinas de estranxeiría en Galicia exemplifica o colapso que denuncia o sindicato. Só no ano 2024, resolvéronse máis de 33 000 expedientes con cadros de persoal «claramente insuficientes», con varias vacantes:
— A Coruña: 15 430 expedientes resoltos e catro vacantes.
— Lugo: 4 765 expedientes e dúas vacantes.
— Ourense: 3 826 expedientes e dúas vacantes.
— Pontevedra: 9 402 expedientes e catro vacantes.
CCOO esixe solucións «inmediatas e eficaces» para evitar o colapso dun servizo esencial e garantir unhas condicións laborais dignas para o persoal.