O turismólogo e guía turístico lucense Guido Álvarez Parga (impulsor do proxecto Guido Guía), asiduo colaborador en distintas televisións, radios e medios de comunicación, anunciou onte nas súas redes que foi chamado por unha canle para gravar e conducir, durante os vindeiros meses, un documental sobre Lugo.
Consultado por 21Noticias, cóntanos Guido que, se todo vai segundo o previsto, gravarase durante o verán, e será emitido no próximo outono/inverno. Tamén nos di que no mesmo fará entrevistas, xa programadas pola cadea, a distintas persoas coñecidas e relevantes ligadas aos lugares que percorrerán. Di estar “moi ilusionado e entusiasmado” co que considera un dos proxectos máis importantes que abordou como profesional, e que “ogallá sexa unha porta a máis propostas semellantes, xa que poder divulgar en profundidade para audiencias tan grandes é un verdadeiro agasallo”.
Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985) é un turismólogo, profesor univeristario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras (proxecto Guido Guía). Foi recoñecido como un dos 10 Lucenses do Ano 2020, co premio “Travelers Choice” da plataforma internacional TripAdvisor nos anos 2022, 2023 e 2024, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.
É un colaborador asiduo de distintas televisións, radios e medios de comunicación e nos últimos anos gravou distintos programas de éxito na Televisión de Galicia, Televisión Española, Cuatro, LaSexta ou Telemadrid con algúns recoñecidos persoeiros como Boris Izaguirre, Silvia Jato, Óscar Martínez, Carlos Blanco, Luis Calero ou Beatriz Serén.