Lugo Rural Importa reforza a súa directiva con Fernando Rois

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo «Lugo Rural Importa» continúa a súa expansión e consolidación como plataforma de representación veciñal a nivel provincial. Na última semana, a Xunta Directiva celebrou unha xuntanza na que se formalizou a incorporación de novas asociacións veciñais procedentes de distintos puntos do territorio lucense, reforzando así o carácter plural, aberto e participativo da entidade.

Con este impulso, a federación convocou unha asemblea xeral extraordinaria, na que se abordaron diversos asuntos de interese para o colectivo, entre os que destacou a renovación parcial dos cargos da Xunta Directiva. Esta actualización responde á vontade de reforzar a estrutura interna da federación para afrontar con maior eficacia os retos de representación, interlocución institucional e defensa dos intereses veciñais.

A actual Xunta Directiva da Federación queda composta por:

  • Presidenta: Cecilia Vázquez García
  • Vicepresidentes: Antonio Abuín Barreiro e Christian Fernández Díaz
  • Secretario: Fernando Mallo Fernández
  • Tesoureiro: Miguel Couto Alonso
  • Vocais: Francisco Javier Burgo Varela e Fernando Rois Rois

Ademais, encomendáronse tarefas específicas aos vocais recentemente incorporados. Francisco Javier Burgo asume a responsabilidade de coordinar e dinamizar a presenza da federación nas redes sociais, mentres que Fernando Rois exercerá como voceiro, canalizando a comunicación externa e representando á federación ante os medios e nos actos institucionais.

Desde «Lugo Rural Importa» valoramos moi positivamente estes avances, que consolidan o noso crecemento e reforzan o noso compromiso coa mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de toda a provincia. A incorporación de novas asociacións e persoas á estrutura directiva supón unha suma de forzas, capacidades e territorios que nos permitirá afrontar con maior cohesión os nosos obxectivos: mellorar infraestruturas, servizos públicos, participación cidadá e equilibrio territorial.

A federación continúa aberta á incorporación de novas entidades veciñais que compartan os seus principios de independencia, traballo conxunto e defensa activa do interese xeral. Así mesmo, mantense activa unha campaña de explicación dos obxectivos fundacionais da federación dirixida a asociacións de toda a provincia, co fin de propiciar novas incorporacións nas vindeiras semanas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios