O Grupo Municipal Popular de Lugo explica que os expedientes de contratación que vén de impulsar o Concello para a redacción de proxectos de expropiación e de modificación do PXOM son a constatación “do fracaso da política urbanística do goberno local, tras máis de dúas décadas de inacción, erros de planificación e ausencia dun modelo claro de cidade”.
Desde o PP explican que as modificacións que agora se poñen en marcha non responden a unha estratexia urbanística planificada, senón á necesidade de corrixir, a toda présa, problemas enquistados desde hai anos e que afectan directamente a veciños, propietarios e ao desenvolvemento equilibrado de Lugo.
Modificacións que chegan tarde
Os populares lembran que moitas das actuacións que agora se impulsan deberon executarse hai máis dunha década. Entre elas:
- A expropiación do ámbito PA 10.1, clave para desbloquear a prolongación da rúa dos Gardas e o desdobramento da Segunda Ronda, “unha actuación evidente que o Concello deixou durmir durante anos sen dar ningún paso efectivo”.
- No caso dos polígonos PA 13.2 e PA 13.3, as modificacións recoñecen implicitamente que o PXOM aprobou unha ordenación errónea e imposible de executar, que afectou gravemente a vivendas xa existentes. Ademais, lembran que o sistema de cooperación obrigaba ao Concello a ter estes ámbitos urbanizados no ano 2019, algo que non só non se fixo, senón que nin sequera se intentou.
- Outro exemplo claro de abandono urbanístico é a Unidade de Actuación do antigo Gran Teatro (UI-2), pendente de resolver desde 1997. “Falamos de máis de 25 anos sen solución, que agora se pretende pechar cunha modificación forzada”, apuntan.
Improvisación e inseguridade xurídica
O Grupo Popular alerta tamén da inseguridade xurídica que está a xerar a xestión urbanística municipal. Ámbitos como a rúa Anxel Fole exemplifican esta situación, onde a existencia dun aparcadoiro soterrado e a aplicación do Plan de Mobilidade están bloqueando o desenvolvemento urbanístico.
“Este é o resultado dun urbanismo sen dirección, sen coordinación e sen unha folla de ruta clara, que acaba prexudicando a veciñanza, aos promotores e ao conxunto da cidade”, sinalan.
Veciñanza afectada e falta de diálogo
En ámbitos especialmente sensibles, como o Polígono C do Plan Paradai, na contorna do río Rato, o PP denuncia que o goberno local chega cunha proposta sen consenso veciñal e cun forte rexeitamento social, consecuencia directa da ausencia de diálogo previo e de transparencia.
Casos como o da Quinta de Pérez, onde segue sen aclararse a titularidade pública de espazos viarios, son para os populares “a evidencia dunha política urbanística permisiva durante anos, que agora xera conflitos e incerteza”.
Actúan obrigados por presión externa, non por iniciativa
No que respecta á conexión peonil entre a Estación Intermodal e o centro histórico, o PP lembra que o Concello actúa condicionado polos compromisos adquiridos con outras administracións e pola existencia de fondos europeos, e non por iniciativa propia nin por visión de cidade.
“Unha vez máis, o goberno municipal vai a rebufo, sen liderado nin planificación a medio e longo prazo”, critican.
Un cambio de rumbo necesario
Desde o Grupo Municipal Popular deixan claro que apoiarán aquelas actuacións imprescindibles para desbloquear situacións inxustas para a veciñanza, pero advirten de que non avalarán politicamente unha forma de gobernar baseada no atraso, na improvisación e no parche permanente. “Lugo necesita planificación, seguridade xurídica e un modelo de cidade serio. Non máis correccións forzadas de erros que se puideron evitar con xestión, diálogo e responsabilidade”, conclúen.