“Mentres outros miran para outro lado, o PP de Cervantes e a Xunta de Galicia actúan” para facer posible que “veciños de varias parroquias conten con mellor cobertura móbil e, por tanto, con máis oportunidades”, asegura.
O Partido Popular de Cervantes celebra que a mellora da cobertura móbil no municipio sexa xa unha realidade grazas ás xestións iniciadas polo Grupo Municipal Popular en mandatos anteriores, coa colaboración decidida da Xunta de Galicia, fronte á pasividade do goberno local e á inacción continuada do Executivo de Pedro Sánchez, que segue sen asumir as súas responsabilidades nesta materia.
O voceiro do PP, Óscar Fernández, subliña que esta é unha demanda histórica da veciñanza á que o Partido Popular deu resposta con traballo e perseveranza ao longo dos anos. “Agora por fin é unha realidade: a antena de Vilarnovo entrou en funcionamento fai uns días, a de Donís farao nos próximos días e a de Xestoso leva xa dous meses operativa”, explica.
Estas infraestruturas foron impulsadas pola Xunta de Galicia a través da Amtega, “que unha vez máis amosa a súa implicación co rural e co benestar dos veciños de Cervantes, a pesar de que é o Goberno do Estado quen debería garantir a conectividade en todo o territorio”, sinala Fernández. É máis, pese a todos os seus anuncios, Cervantes é un dos concellos con menor cobertura de banda 5G.
O popular agradece expresamente á Xunta a súa disposición e compromiso e recoñece o traballo realizado polos concelleiros populares en anteriores mandatos, que tamén impulsaron esta reivindicación e traballaron para que esta mellora fose hoxe unha realidade.
“Mentres outros miran para outro lado, o PP de Cervantes e a Xunta de Galicia actúan. E grazas a esa colaboración e ao traballo continuado do noso grupo municipal, hoxe os veciños e veciñas de varias parroquias contan con mellor cobertura móbil e, por tanto, con máis oportunidades”, conclúe Fernández.
Os senadores do Partido Popular presentaron recentemente unha iniciativa no Senado para instar ao Goberno de Pedro Sánchez a mellorar a cobertura móbil e despregar a fibra óptica en toda a provincia de Lugo, especialmente na comarca da Montaña, onde as carencias son máis evidentes.