Non deixan de resultar ata tenros os patalexos da caverna habitual clamando pola derrota en Eurovisión de Melody, que chegaba a Basilea con ínfulas de gañadora pero, finalmente, quedaba antepenúltima. Nada novo por certo, porque o raro e excepcional foi Chanel quedando terceira hai un par de edicións. A sombra do xenocidio israelí sobre Palestina e a mensaxe de condea de Radio Televisión Española (RTVE) ao inicio do festival, son a escusa perfecta para a propia cantante e tamén para as mesas de tertulianos empeñadas en acusar a Pedro Sánchez das sete pragas mundiais e, de paso, impedir un triunfo eurovisivo que non se dá hai máis de cincoenta anos. Pero maldito Pedro Sánchez!
O certo é que foi un dos anos quizais máis pobres, con propostas menos extravagantes do habitual e números repetidos mil veces, incluido o español, consistente en ensinar carne, lucir pelazo e unha canción anodina nun idioma que en Europa soa a chiringuito de praia e pouco máis. Por suposto, que non falte o folclore, a aposta flamenca é sempre algo inherente ao que sexa que exporte España, e nas galas previas á final suiza, Melody lucía bata de cola e sombreiro cordobés. Olé! Non dan entendido que iso igual para o turisteo de medio pelo, funciona, pero para competir alén os Pirineos pois queda un pouco trasnoitado. Como cando nas bancadas da Eurocopa ou o Mundial de fútbol, España está representada por catetos vestidos de toureiros con capote e monteira. Quen vai enteder iso como algo cultural? O normal é que o vexan un pouco circense, por non dicir bárbaro. Melody apuntouse á conspiración xudeo masónica para xustificar o seu posto e o pírrico televoto de dez puntos porque claro, é máis doado que asumir o tremebundo fracaso despois de facernos crer que ía arrasar e volver a España en loor de multitudes e non ás agachadas como acabou acontecendo. Cansamonos de ler que era o seu soño participar nunha Eurovisión da que agora se laian está politizada, o que indica que poucos festivais viron, porque Uribárri no seu tempo xa clavaba os «12 Points» un ano tras outro. E non lle chamaban politización nin polarización, senón ser bos viciños, nos tempos nos que tanto Francia como Portugal aínda daban puntos aos representantes españois. Agora, nin iso. Quen sabe que faremos mal.