A UDC celebra no Campus Industrial de Ferrol o Día das Letras Galegas cunha homenaxe ás cantigas tradicionais e á poesía popular

O acto, presidido polo reitor, contou coa interpretación de diferentes cantigas e poemas galegas por parte de alumnado de diferentes centros educativos e membros da comunidade universitaria.

A Universidade da Coruña conmemorou hoxe o Día das Letras Galegas 2025 cun acto institucional celebrado no Campus Industrial de Ferrol, que contou coa asistencia do reitor da UDC, Ricardo Cao;e as vicerreitoras de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya; do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; e de Igualdade e Diversidade, Cristina López. 

As interpretacións por parte do alumnado do CEIP Plurilingüe San Xoan de Filgueira, de Ferrol, e do CPI A Xunqueira, de Fene, de cantigas tradicionais galegas foron o eixo central desta celebración, que tamén contou coa actuación dos estudantes Arsenio Keilin que musicalizou un poema galego e de Antonio Rabina que adaptou diversas cantigas. 

No seu discurso, o reitor agradeceu aos centros escolares e tamén ás persoas da comunidade universitaria participantes no acto a súa implicación e entusiasmo á hora de “unirse arredor da música, da palabra e da tradición”.

Desde a UDC, “quixemos que a nosa contribución fose un compromiso coa cultura viva, máis aló do ámbito universitario”. Unha mostra mais que complementa a acción central de homenaxe ás letras que é a publicación do libro Por que non hei de cantar?, publicado polo Servizo de Publicacións da UDC. 

Unha escolma de cantigas tradicionais de Elviña e Ferrol, recollidas e editadas do cancioneiro tradicional galego, que representa unha homenaxe a todas as mulleres que conservaron e transmitiron o seu saber. 

A programación continúa

Mañá xoves, día 22 de maio, terá lugar en diversas localizacións do Campus de Elviña a iniciativa “O Campus Nomeado”, un proxecto desenvolvido desde a UDC co que se está a recuperar a toponimia do Val de Elviña, traballo que se está realizando tamén grazas á veciñanza da zona. Así, levarase a cabo acolocación dunhas placas explicativas, dando comezo ás 11 horas no Edificio Xoana Capdevielle.

O programa conmemorativo das Letras Galegas da UDC rematará ese mesmo día en Normal o Espazo de Intervención Cultural da Universidade, onde terá lugar un concerto da cantante galega Faia Díaz ás 20:30 horas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios