A semana pasada, a asociación Vendaval Costa da Morte celebrou unha das últimas reunións que vén mantendo coas alcaldías dos concellos afectados pola construción dunha estación de bombeo no municipio de Mazaricos. Nesta ocasión, o encontro foi con Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota.
Durante a reunión, o representante municipal, coñecido como Moma, informou de que mantivera recentemente unha xuntanza con empregados da empresa Espina, na que tamén realizaron unha visita ao punto de captación da auga que subministra ao Concello de Carnota.
Durante esa visita, puido comprobar que a auga que chega ás vivendas de Carnota é limpa e cristalina, sen sinais de contaminación, a diferenza da auga que abastece á Mancomunidade de Fisterra, que procede do río Xallas e que recibe numerosos vertidos.
Desde a empresa Espina informaron ao alcalde que, no caso de detectarse algún problema na captación actual, a alternativa sería tomar auga a uns 100 metros do punto actual, onde tampouco estaría contaminada.
O principal motivo de preocupación exposto polos membros de Vendaval, e trasladado ao alcalde, é que a construción dunha ou varias balsas no Monte da Ruña implicaría a escavación dun túnel, o cal podería afectar significativamente o curso do río Arcos. Existe o risco de que este se desvíe ou mesmo chegue a desaparecer.
Os representantes de Vendaval valoraron moi positivamente a conversa con Moma e coincidiron na importancia de manter tamén diálogo coa empresa Espina, ademais de con outros organismos públicos.
Destacan especialmente as palabras do alcalde: “Non podemos ser un país rico e pobre á vez; por iso debemos coidar os nosos recursos”.