A concelleira arteixá, Noelia Martínez Canosa, demándalle a Xunta e ao Goberno Municipal que axilicen a tramitación para legalizar o núcleo de Suevos e, que non se antepoñan os intereses de empresas privadas por riba dos intereses da veciñanza e do municipio de Arteixo
“Dende o ano 2012 a directiva da Asociación veciñal San Pancracio de Suevos propúxose como principal obxectivo abordar e instar ás administracións competentes o inicio do proceso de legalización do núcleo que ate ese momento atopábase nunha situación de ilegalidade. Ao longo dese ano mantivéronse distintas xuntanzas có alcalde e o concelleiro de urbanismo xa que paralelamente a esta situación estaban sinaladas dúas vivendas con ameaza de derribo por parte da APLU e a súa vez estábanse a pagar multas coercitivas por parte da veciñanza, situación insostible para os afectad@s.
Ao ano seguinte, 2013, aproveitando as posibilidades que daba a Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral, iniciábase a tramitación para poder legalizar o Porto de Suevos e outros núcleos costeiros que están na mesma situación de alegalidade e para elo contrátase o despacho de Monteoliva. A Asociación convocou varias xuntanzas cós distintos grupos da corporación, poñéndose todos eles a súa disposición para colaborar en todo o que fora preciso para a legalización. Pasou o 2014 con distintas promesas e compromisos para dotar de servizos con cartos de Portos da Coruña e traer auga e sumidoiros.
Ao ano seguinte, 2015, a asociación convocou diversos eventos encamiñados á paralización dun derrubo da casa dun veciño, coa participación dos medios de comunicación escritos e audiovisuais para sensibilizar e poñer en valor a situación que se estaba a padecer. Ao final a casa derrubouse en agosto dese ano que foi tamén o da legalización dunha fabrica situada no entorno.
No ano 2016 prodúcese un cambio na regulamentación de costas o cal abriu a posibilidade de levar a cabo a legalización instados pola consellería de medio ambiente e algúns concellos na mesma situación que Arteixo, como o municipio de Marín, aproveitaron para legalizar os seus núcleos, para o cal foi importante que tiveran aprobado un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Chegados ao 2017 e diante da situación estancada e sen avances, procedeuse por parte da asociación a contratar os servizos do Grupo Tao, especializado en urbanismo, para recabar información e poder representar á mesma en aras de axudar á administración para poder axilizar o proceso le legalización, algo que pola actitude do concello resultou infrutuosa. Ao tempo xa se procedera por parte da veciñanza, aconsellada polo concelleiro de urbanismo, a realizar a tramitación para o fora de ordenación, ao fin de adiantar os trámites.
Nos seguintes anos continuase coas xestións e entrevistas có Sr. Alcalde que non levaron e nada pese a que nos procesos electorais as promesas eran de que xa faltaba moi pouco para o desenlace desexado.
No ano 2021 a fábrica de Sarval acada a legalización e o polígono de Mafriesa, sobre o que pesaba a orde de derrubo tamén a consigue, pero a legalización do núcleo segue estancada. O alcalde promete á veciñanza que ese ano terán o núcleo legalizado, máis chegados ao 2023 un veciño ten que desfacerse dunha vivenda de madeira por presión da APLU antes que procedan a súa demolición. Mentres as multas coercitivas seguen a chegar á veciñanza.
En outubro de 2024, os medios de comunicación informan de que os cinco núcleos costeiros de Arteixo encaran a fase final para a súa regularización tras ter o visto bo da Xunta na modificación das normas plantexadas polo concello.
En 2025, a situación segue igual ou peor que no 2012, xa que agora o núcleo de poboación ten tres casas menos, reside máis xente con nenos e, por suposto, as fábricas están legalizadas. Ademais vemos como se están a proxectar novas instalacións industriais no entorno, como un parque eólico e outras infraestruturas, sen a que veciñanza do entorno poda defender os seus intereses ao estar en situación de alegalidade” explica Noelia Martínez Canosa.
“Preguntamos por que é tan doado legalizar a industria e tan difícil legalizar o núcleo de poboación, e non entendemos por que está estancado o trámite de legalización do núcleo cando se anunciaba en Outubro de 2024 que xa tiña o visto bo da Xunta e se está situación terá que ver coa instalación de novos proxectos industriais que teñen máis facilidades para asentarse no entono sin tomar medidas pola situación de alegalidade que vive a poboación do núcleo” matiza a concelleira.