XXXI Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” a Xosé Manuel Beiras

Esta homenaxe comporta a entrega da Letra E (de escritor) e converte Xosé Manuel Beiras en Socio de Honra da AELG.

A Homenaxe «O Escritor/a na súa Terra – Letra E», que cada ano impulsa a AELG, chega neste 2025 á súa XXXI edición, recaendo por decisión da de Socias e Socios da AELG na figura de Xosé Manuel Beiras, de quen se destaca, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza 
escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, e a colocación dun monólito conmemorativo.

A actividade terá lugar o sábado 14 de xuño, en Santiago de Compostela. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que pode ser consultado aquí.

PROGRAMA PREVISTO

11:30 h. Descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore do autor, un teixo. No Parque de Galeras (Santiago de Compostela). Acceso libre para todo o público. Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG.
– Xosé Manuel Beiras.

12:30 h. Acto de entrega da “Letra E”. No Auditorio do CGAC (Rúa Valle Inclán, 2). Acceso libre para todo o público, até completar capacidade do espazo. Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Lectura da concesión da Letra E, por Beatriz Maceda Abeleira, Vicepresidencia da AELG.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG.
– Laudatio do autor, por Miguel Anxo Fernán-Vello.
– Entrega da peza escultórica, elaborada por Silverio Rivas.
– Xosé Manuel Beiras. Intervención do homenaxeado. Resposta á laudatio.

14:30 h. Xantar de confraternidade posterior no Restaurante A Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, 44). As persoas interesadas en participar no xantar deberán reservar a súa praza enviando un correo 
electrónico a oficina@aelg.org indicando o seu nome e apelidos, antes do 9 de xuño. O prezo do menú é de 36 euros, que se pagarán en efectivo antes de comezar o xantar, no mesmo restaurante.

Comparte éste artículo
No hay comentarios