Pola súa parte, o Ineltrón salva praza en Tercera FEB (antiga liga EBA).
Malia que estaba a un tiro de pedra, había que facelo. E os xogadores do terceiro equipo sénior do club Santo Domingo Betanzos non esconderon a man. Comparecía un combativo San Cibrao no pavillón do Carregal, con opcións matemáticas de seren eles os que conseguisen o ascenso a Segunda División FGB, pero por fronte estaba un equipo que, aínda movendo o banco para espremer as rotacións, non estaba disposto a baixar o pistón. O partido, con todo, estivo igualado en todo momento (17-14 1Q; 30-31 2Q; 45-43 3Q). Porén, os de Betanzos non esqueceron o seu obxectivo, e souberon rematar o partido sen demasiadas complicacións, cun 21-13 que puxo o 66-56 final no marcador. Premio así para un grupo que volve demostrar,
ano tras ano, o baloncesto que leva dentro e, o que é máis importante, o baloncesto que lle queda.
Pero outra das boas noticias da xornada viña de Xixón e Zaragoza. Ultimada a fase de ascenso a Segunda FEB, coa promoción final de tres equipos encadrados no grupo A (Círculo Gijón, Logroño e Valle de Egües) a finalización da temporada en Tercera Feb deixa o Ineltrón Santo Domingo Betanzos, o primeiro equipo do club, un ano máis na categoría, poñéndose o broche de ouro a unha temporada en que, malia todas as dificultades, os rapaces de Antonio Díaz, “Doc”, competiron máis ca satisfactoriamente nas pistas.
Os cadete de Grelo e os infantís de J. Caamaño Arquitecto pasan de rolda na copa.
Polo demais, e no que toca á toca á canteira, coas mini de Coruña Interiores clasificadas para a fase final na Estrada de Segunda División alevín, os resultados máis destacados dos enfrontamentos de Copa deixan o pase a cuartos de final da Copa Primavera do Grelo cadete masculino, que venceu a Basket Xiria por 84-74- nun partido máis disputado do que reflexa o resultado final, e a vitoria do infantil de J. Caamaño Arquitecto fronte a Boa Vila Basket, por 79-52, que supón o pase dos de Toni Seijo, Alberto Caamaño e Carlos Martínez ás semifinais da Copa Xunta de Galicia de Primeira División. Os próximos rivais, respectivamente, serán Maristas e Seis do Nadal, de Coia, Vigo, a vindeira fin de semana.