O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que establecementos de Lugo, Monforte de Lemos, Sarria, Foz, Burela, Viveiro e Ribadeo xa se sumaron ao programa EBici, ao que poden seguir incorporándose novos negocios.
A Xunta ten aberto o prazo de solicitude das axudas do programa Ebici, que financia a compra de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido ou bicicletas de man híbridas ou eléctricas para cadeiras de rodas. O orzamento total suma 1,7M€ distribuídos en dúas anualidades: 1 M€ para 2025 e 700.000 euros para 2026.
Así o explicou o delegado territorial, Javier Arias, no transcurso dunha visita a Lucus Aventur, en Lugo, un dos trece establecementos da provincia asociados ao programa. En toda Galicia rondan os 110, pero poden continuar sumándose novos negocios ata o 31 de agosto de 2026.
Ata o de agora, na provincia adheríronse locais da capital, Monforte de Lemos, Sarria, Foz, Burela, Viveiro e Ribadeo. Na páxina web de EBici pode consultarse a listaxe completa e todos os detalles da iniciativa.
En canto ás solicitudes, os particulares interesados poden presentalas ata o 13 de novembro de 2026 – ou ata que se esgote o crédito – en calquera dos establecementos asociados, que son os encargados de tramitalas.
Con carácter xeral, as achegas cobren ata o 50% do custo cun máximo de 500 euros. A contía elévase ao 60% cun límite de 600 euros no caso das familias numerosas; e alcanza o 70% – ata 700 euros – para as familias numerosas de categoría especial e para as persoas con mobilidade reducida.
Arias lembrou que o obxectivo deste programa autonómico é “promover que os cidadáns realicen os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, especialmente nas contornas urbanas, para fomentar unha mobilidade máis saudable e desconxestionar os centros das cidades, reducindo en consecuencia as emisións á atmosfera e tamén os ruídos”.
Dende que se puxo en marcha en 2022, a iniciativa Ebici leva beneficiado a 368 lucenses que recibiron case 181.000 euros en axudas para mercar bicicletas coas características contempladas no programa.