O Pleno Municipal aproba a proposición do BNG de Lugo para defender o centro de saúde de Nadela

por Redacción Lugo

Rubén Arroxo destacou o compromiso expresado polo Partido Popular para garantir a continuidade do centro de saúde

O Portavoz do BNG Rubén Arroxo, defendeu no pleno municipal de hoxe unha proposición para garantir a continuidade do Centro de Saúde de Nadela. «Veciños e veciñas informaron de que levan xa máis de 2 meses sen medios no seu Centro de Saúde, que están derivando ao centro de Fingoi», declarou Arroxo. Desde o BNG afirman que esta decisión vai mermar a calidade da atención primaria, ademais de obrigar á poboación, en moitos casos maior e con dificultades para se mover, a desprazarse de maneira innecesaria.

«Un ano máis, coincidindo coas vacacións do persoal do centro, a zona sur de Lugo perde novamente a atención sanitaria no centro de saúde máis próximo, mentres continúa a preocupar o peche definitivo da instalación entre a veciñanza», indicou o Tenente Alcalde.

O BNG instou tamén ao Grupo Municipal do Partido Popular e á Xunta de Galiza a garantir a atención sanitaria no Centro de Saúde de Nadela á veciñanza das parroquias do sur de Lugo, cubrindo as distintas prazas libres no Centro de Saúde e garantindo a substitución do persoal durante as vacacións.

A atención primaria «é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta», aclarou Arroxo.

Con isto, insistiu, «a Xunta de Galiza pretende pechar o centro nun proceso de desmantelamento da sanidade pública», que indicou tamén que «dende a xubilización do anterior médico titular, a veciñanza pasou de contar con atención diaria no seu centro a poder pedir cita só durante dous días á semana».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario