O PSdeG acusa a Alfonso Rueda de torpedear o galego en Europa, rompendo o consenso parlamentario

A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, lamentou este luns que a Unión Europea non votara finalmente a proposta para oficializar o galego como lingua da UE, unha decisión que atribuíu á presión exercida polo Partido Popular, a quen acusou de rachar un acordo parlamentario.

A dirixente socialista lembrou que a reivindicación “foi apoiada de forma unánime polo Parlamento de Galicia”, polo que considerou “incomprensible” que agora Alfonso Rueda argumente que recoñecer o galego en Europa nos vai saír caro: “Segundo os seus propios cálculos, custaría doce veces menos que o sobrecuste do Hospital Álvaro Cunqueiro. Iso si que saíu caro”, reprochou.

“Hoxe tiñamos diante unha oportunidade histórica: que o galego puidese ser recoñecido como lingua oficial na Unión Europea”, afirmou Méndez, lembrando que “é un paso de xustiza que igualaría o seu estatus ao das outras 24 linguas xa recoñecidas”.

Lara Méndez lembrou que “o galego ten máis falantes ca linguas como o maltés, o estoniano, o letón ou o esloveno, todas elas xa oficiais na UE”. “Moitas delas nin sequera son as máis faladas nos seus propios países. Por que o galego ten que quedar fóra?”, preguntou.

A socialista acusou ao PP de actuar “coma sempre, en contra de todo o que propoña ou apoie o Goberno”, e criticou que Rueda lamente que non se lle pedira permiso á Xunta: “Xa é o que nos faltaba: ter que pedir autorización para impulsar a lingua que é de todas e de todos”.

Finalmente, advertiu que “para o PP, o chamado ‘bilingüismo harmónico’ consiste en relegar o galego a un símbolo folclórico” e lamentou que “baixo esa escusa, fan todo o posible para impedir que o galego avance”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios