A Fundación Luís Seoane acolle hoxe e mañá o curso de Verán da UIMP «O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero»
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou na mesa redonda sobre ‘Enoturismo sostible, desafíos e oportunidades’, acompañado do profesor e investigador do grupo de investigación en Experiencia Turística da Facultade de Turismo da UDC, Jakson R.R. Soares e da directora de Galicia Calidade, Ana Méndez e moderada polo xornalista gastronómico e historiador, Jorge Guitián
A Coruña, 28 de maio de 2025. A Fundación Luís Seoane acolle hoxe e mañá o curso de verán «O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero» da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta tarde na mesa redonda sobre ‘Enoturismo sostible, desafíos e oportunidades’, acompañado do profesor e investigador do grupo de investigación en Experiencia Turística da Facultade de Turismo da UDC, Jakson R.R. Soares e da directora de Galicia Calidade, Ana Méndez e moderada polo xornalista gastronómico e historiador, Jorge Guitián.
Regueira sinalou que a enogastronomía «é agora mesmo o noso principal destino turístico no escaparate mundial». Neste sentido, fixo referencia aos cinco plans de sustentabilidade turística en destino da Deputación (Fogóns do Anllóns; Fragas do Eume; Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle; o proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal e o Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra) «que teñen a enogastronomía como eixo central».
«O turismo enolóxico danos a oportunidade, ademais, de trasladar que vivimos nun país sostible á hora de relacionarnos co medio» e explicou a campaña institucional ‘A paisaxe que sabe’, que pon o foco «na paisaxe e na gastronomía». O vicepresidente apuntou tamén que o sector do viño «é moito máis que iso, xa que representa a lingua e a riqueza léxica que temos, tamén cultura, tradición e historia». Un sector «cun amplo compromiso co territorio». E puxo de exemplo o «éxito dos viños da provincia» nas feiras e eventos gastronómicos nos que participa a Deputación. «Queremos que a xente coma territorio, e eso tamén implica que nas mesas apareza o noso viño. Iso tamén é sustentabilidade».
Baixo a dirección da socióloga, xestora cultural e enóloga, e investigadora da UDC, Cristina Alcalá, e a secretaría de Lucía Aldao, o curso de verán da UIMP «O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero» reúne na Coruña durante dous días a preto dunha vintena de profesionais para reflexionar sobre o patrimonio vitícola e a contribución do enoturismo tanto as zonas rurais como a identidade cultural dos pobos, ao tempo que promove un desenvolvemento turístico sostible. A tríade patrimonio, turismo e xénero abre un espazo de reflexión sobre como o turismo patrimonial podería ser unha ferramenta para promover a igualdade de xénero.