O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, realizou declaracións á entrada do pleno municipal de maio nas que manifestou unha dura crítica á recente postura do Partido Popular sobre o recoñecemento oficial do galego na Unión Europea. Arroxo cualificou de «sorprendente e tráxico» o cambio de rumbo do PP, lembrando que «no Parlamento galego defenderon a oficialidade do galego na UE, pero agora, por imposición da liña máis radical dirixida por Isabel Díaz Ayuso, mesmo o presidente da Xunta de Galiza se opón a que a lingua propia de Galiza se fale en Europa, cando hai poucos meses defendían o contrario».
O portavoz do BNG advertiu que «a nosa lingua está vivindo un momento moi complicado, con datos escalofriantes especialmente entre a xente máis nova», e cualificou de «auténtica traizón» este xiro do Partido Popular galego, que atribuíu á presión do sector máis conservador do partido.
No eido local, Rubén Arroxo puxo o foco sobre a necesidade de avanzar no proxecto de creación do Gran Parque Central de Lugo. «Estamos a recoller sinaturas para amosar que existe un gran apoio social a esta iniciativa, só onte foron varios centos as persoas que se sumaron», explicou Arroxo. O BNG manterá a mesa de recollida de sinaturas nas tardes deste xoves e venres, e en próximas datas presentará unha iniciativa no Parlamento galego para instar á Xunta a recuperar un proxecto que xa se debatera no seu día: «este espazo público debe ser máis completo, con parque, aparcadoiro e aproveitando as obras para soterrar as rúas Cidade de Vigo, o que permitiría crear un gran aparcadoiro para o centro e un gran espazo público verde».
Segundo Arroxo, «o parque, xunto coa Praza da Constitución e a Mosqueira, permitiría sumar dúas hectáreas de zona verde, un auténtico luxo para a cidadanía, ao carón da muralla».