Carme da Silva esixe ao Goberno manter os postos de traballo no taller de Renfe en Ourense

Carme da Silva propón crear en Galicia unha base de mantemento de trens de alta velocidade e frear a perda de servizos ferroviarios públicos.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha iniciativa nas Cortes do Estadopara reclamar ao Goberno explicacións e medidas concretas fronte á decisión de Renfe de licitar a externalización do servizo de reparación e mantemento de 65 locomotoras de mercadorías, das cales 26 están actualmente asignadas ao taller de Ourense. A senadora do BNG, Carme da Silva, defende a idea de crear unha base fixa na Galiza para o mantemento dos trens de alta velocidade.

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que esta licitación, cun importe de 70 millóns de euros e unha duración de cinco anos, supón unha ameaza directa para os 32 traballadores do taller ourensán, que xa manifestaron a súa fonda preocupación pola falta de información e a incerteza sobre o futuro do seu centro de traballo. “Estamos ante un novo paso na privatización encuberta do servizo de mantemento ferroviario, que pode deixar sen funcións un taller fundamental para Galiza”, advertiu a senadora nacionalista.

Da Silva exixe ao Goberno e a Renfe que aclare con urxencia cal será o impacto desta externalización sobre a base de Ourense, tanto en carga de traballo como na continuidade dos postos. “O Goberno non pode permanecer impasíbel mentres se precarizan os empregos e se baleiran de contido instalacións públicas estratéxicas” afirma

A través da súa iniciativa, o BNG reclama que se garanta a continuidade dos 32 postos de traballo no taller de Ourense, así como as súas funcións actuais. A formación nacionalista tamén exixe que se forneza información transparente e puntual á representación sindical sobre os plans de futuro para esta base.

“Non aceptamos que a Galiza continúe sufrindo perdas industriais mentres se concentran recursos e servizos en Madrid. Xa se pecharon os talleres da Coruña e de Monforte. Non podemos permitir outro retroceso” denuncia da Silva.

O BNG tamén insta o Goberno a paralizar esta licitación e reconsiderar o modelo de mantemento das locomotoras de mercadorías, apostando pola xestión pública e polos recursos técnicos e humanos xa existentes. Ademais, a formación galega lanza unha proposta estratéxica para o futuro: a creación dunha base de mantemento de trens de alta velocidade en Galiza.

“Se Renfe precisa novas instalacións para o mantemento de alta velocidade, Galiza ten capacidade, persoal cualificado e infraestruturas ferroviarias que deben ser aproveitadas. Non pode seguir sendo unha periferia servinte de Madrid” conclúe a senadora do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios