Entre as modificacións establecidas pola Unión Europea inclúese a obriga para os pescadores recreativos de declarar as súas capturas de determinadas especies mediante unha aplicación para teléfonos móbiles.
Pablo Pita, investigador Ramón y Cajal e membro do grupo Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE) no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC, que conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, lidera un estudo internacional, publicado na revista Frontiers in Marine Science, no que se establecen novas estratexias comunicativas para implicar aos pescadores nos marcos legais establecidos pola Unión Europea destinados a garantir unha pesca recreativa sostible.
A partir de 2026, establécense uns cambios no regulamento europeo que implicarán a participación dos pescadores recreativos no rexistro e almacenamento das especies capturadas co obxectivo de mellorar a súa xestión.
Esta normativa implica un desafío xa que, supón a necesidade de simplificar métodos e resultados complexos dentro da comunicación científica para chegar a diferentes públicos así como establecer prácticas de xestión colaborativas e transparentes co sector pesqueiro, a quen se lle impoñerán novas responsabilidades.
Sen unha comunicación eficaz é posible que a normativa non se cumpra, especialmente á hora de notificar datos non obrigatorios, polo que establecer estratexias que fomenten a cooperación entre públicos convértese nun obxectivo primordial.
Entre as recomendacións comunicativas que recolle o estudo, destacan:
– A creación de consorcios que garantan a comunicación entre persoal investigador, responsables públicos e pescadores, promovendo a transparencia e a co-creación de contidos
– Converter a información facilitada polo sector pesqueiro en accesible e transparente para mellorar a recolección de datos
– Fomentar relacións estables e duradeiras entre investigadores e pescadores recreativos para fortalecer a confianza
– Facer un uso axeitado dos distintos canais de comunicación e as redes sociais adaptadas ao público así como campañas de sensibilización ambiental que involucren á comunidade a través da arte, a ciencia e actividades interactivas.
Estas recomendacións son fundamentais para enfrontar o desafío que implica a implementación do novo regulamento europeo, facilitando a construción de confianza, promovendo a participación e garantindo o éxito das novas medidas de xestión pesqueira.
Pablo Pita Orduna, investigador Ramón y Cajal
Pablo Pita, do grupo GIBE pertencente ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, é doutor en Economía Ecolóxica (UVigo) e tamén en Bioloxía Marina e Acuicultura (UDC). Actualmente é un investigador Ramón y Cajal no CICA e imparte docencia no Grao en Bioloxía da UDC e no Máster Interuniversitario en Bioloxía Mariña. O seu compromiso coa divulgación científica da súa investigación impúlsao a participar en actividades como a “Ciencia na rúa” e a desenvolver proxectos como o seu blog Verde profundo.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, este centro de investigación da UDC conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o CICA. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.