A exposición de cadros de Pepe Carreiro ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!’ que está a levar por todo país a Federación Galiza Cultura fai parada en Compostela

Durante todo o mes poderá ser visitada no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela (praza Salvador Parga, 4).

Coa axuda das entidades federadas compostelás AC O Galo e AC e M Solfa, e coa colaboración do Concello de Santiago, a Federación de entidades culturais galegas Galiza Cultura dácontinuidade á itinerancia da mostra titulada ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!‘ de Pepe Carreiro a partir deste luns día 2 de xuño, realizando a súa inauguración a partir das 18 horas. 

A estancia na cidade compostelá, que se prevé que dure todo o mes de xuño, e que será acubillada no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia (praza Salvador Parga, 4), constitúe a terceira parada desta mostra que previamente xa luciu nas cidades da Coruña e de Lugo, conformándose coma unha das citas culturais deste primeiro semestre do ano.

A obra de Pepe Carreiro, un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos, está conformada por 50 cadros, que nos achegan a súa visión da realidade social galega expresada con toda a súa naturalidade e sempre desde unha perspectiva crítica e reflexiva, conformando un compendio de todos estes anos de traxectoria profesional.

Con todo, o propio título da mostra é toda unha declaración de intencións e recolle moi ben o que pretende, Pepe Carreiro, coa súa forza creativa nas súas dúas sentencias: unha primeira, frase en serio e pretensiosa (Humor para mudar o mundo), que logo, na segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) rebaixa as ínfulas da primeira parte e lle dá un baño de realidade.

A mostra fechará o seu calendario o día 30 deste propio mes de xuño para seguir a súa itinerancia por outras cidades e vilas do país.

Esta actividade lévase a cabo grazas ao Programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2025 da Área Cultura da Deputación da Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios